Vieiro continúa achegando o seu labor preventivo aos centros educativos a través do programa ‘Creando Saúde’

2 minutes read

Trátase dunha proposta de intervención dirixida ao alumnado de 5.º e 6.º de Educación Primaria que aposta pola educación para a saúde e a adquisición de competencias persoais e sociais desde idades temperás.

O programa articúlase ao redor de tres bloques formativos complementarios, deseñados para abordar diferentes aspectos que inflúen no benestar e o desenvolvemento dos escolares.

TRES BLOQUES PARA APRENDER A COIDARSE

A proposta comeza con “Constrúe”, un bloque orientado ao desenvolvemento de habilidades esenciais para a vida diaria. A súa finalidade é proporcionar ao alumnado recursos persoais que lle axuden a desenvolverse na súa contorna, afrontar diferentes situacións e fortalecer as súas capacidades para a toma de decisións. Este apartado consta de catro sesións.

O segundo bloque, “Ti elixes”, pon o foco na prevención das adiccións mediante información clara, obxectiva e adaptada á idade do alumnado sobre as distintas substancias adictivas ás que pode verse exposto. A través de dúas sesións, búscase favorecer o coñecemento, a reflexión e unha maior capacidade para identificar os riscos asociados ao seu consumo.

Por último, “Des-conecta” aborda un dos grandes retos educativos e sociais da actualidade: a relación dos menores coas novas tecnoloxías. As súas tres sesións están destinadas a proporcionar coñecementos e ferramentas para fomentar un uso saudable, seguro e responsable dos dispositivos dixitais, favorecendo hábitos tecnolóxicos adecuados.

UNHA INTERVENCIÓN CONTINUADA NO ÁMBITO ESCOLAR

«Creando Saúde» desenvólvese cunha periodicidade semanal cunha duración aproximada de 50 minutos cada unha.

A través dos seus diferentes contidos, o programa pretende que os escolares non só reciban información, senón que tamén desenvolvan habilidades e actitudes que lles permitan afrontar con maior autonomía e responsabilidade as decisións e situacións que poidan xurdir na súa vida cotiá.

A prevención comeza coa información, pero tamén necesita educación, reflexión e ferramentas para saber elixir. Neste sentido, a intervención no ámbito escolar permite achegar estas aprendizaxes aos menores nunha etapa especialmente importante para a adquisición de hábitos e valores que influirán no seu desenvolvemento futuro.

A asociación Vieiro agradece a boa acollida e colaboración dos centros educativos que se sumaron a esta iniciativa, así como a disposición dos seus equipos directivos e profesorado, cuxas facilidades permitiron ás profesionais da entidade desenvolver o programa.