O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, asinou os convenios de colaboración co tecido asociativo do municipio, que contan cunha achega total de 70.380,84 euros e benefician a máis de 30 asociacións culturais, sociais e deportivas.
O alcalde agradeceulles en persoa aos responsables das entidades o traballo que desenvolven a diario e que contribúe a facer «un concello mellor, con máis oportunidades, máis social e máis dinámico», apuntou.
Durante a sinatura, o rexedor subliñou o importante papel que desempeñan estas entidades no municipio no ámbito social, cultural e deportivo, e agradeceu o seu labor na dinamización da vida das distintas parroquias.
Con estes convenios, o goberno local contribúe a que as asociacións poidan manter e desenvolver as súas actividades ao longo do ano, e reafirma o seu apoio a un tecido asociativo que é fundamental para a convivencia e a participación da veciñanza.
Con esta actuación, o Concello de Ponteceso mantén o seu compromiso co apoio ás asociacións e coa mellora da vida cultural, social e deportiva do municipio.
