Malpica contará cun V Plan de Igualdade para avanzar cara a unha igualdade real durante o período 2027-2031

2 minutes read

O Pleno ordinario do Concello de Malpica de Bergantiños celebrado este xoves aprobou  por unanimidade o V Plan de Igualdade.

O executivo local considera que a igualdade debe constituír un compromiso permanente de toda a organización municipal e non depender exclusivamente das prioridades de cada mandato. Por iso, o documento prevé a súa aprobación polo Pleno municipal, co propósito de reforzar o seu respaldo institucional e garantir a continuidade das políticas de igualdade.

Con este V Plan de Igualdade, Malpica reafirma o seu compromiso coa eliminación das desigualdades, a prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres e a construción dun municipio no que todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida en condicións de igualdade.

OV Plan Municipal de Igualdade de Mulleres e Homes 2027-2031 é  unha ferramenta estratéxica que permitirá dar continuidade ao traballo desenvolvido nos anteriores plans municipais e seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria.

O novo documento parte da análise da realidade social, demográfica e laboral do municipio, co obxectivo de identificar as principais necesidades e orientar as políticas públicas municipais desde unha perspectiva de igualdade de oportunidades.

O diagnóstico reflicte algúns aspectos relevantes da situación local como no desemprego. As mulleres representan o 62,8 % do paro rexistrado en decembro de 2025, fronte ao 37,2 % dos homes, unha diferenza que pon de manifesto a necesidade de continuar traballando para mellorar as oportunidades de emprego feminino.

O documento presta tamén especial atención á realidade rural e costeira de Malpica, así como ao recoñecemento do papel das mulleres no sector marítimo-pesqueiro, un ámbito fundamental para a identidade e a actividade económica do municipio.

A elaboración do V Plan aposta por dar continuidade ás iniciativas que xa se veñen desenvolvendo, consolidar os avances conseguidos e incorporar novas actuacións adaptadas ás necesidades actuais. Para iso, tivéronse en conta as achegas recollidas mediante entrevistas co persoal técnico responsable das diferentes áreas municipais.

Por outra banda, o pleno tamén deu luz verde, por unanimidade , a unha moción presentada polo BNG para solicitar a licitación do servizo de Axuda no Fogar.