Coristanco aproba un orzamento histórico de case 11 millóns de euros para 2027

3 minutes read

O Concello de Coristanco aprobou este xoves, 26 de novembro, en sesión plenaria ordinaria, o orzamento municipal para 2027. As novas contas municipais ascenden a unha histórica cifra de 10.963.036,21 euros, o que supón un incremento do 13,28 % con respecto á contía de 2026.

A memoria explicativa elaborada polo Goberno local, co alcalde Juan Carlos García á cabeza, sinala a conxelación dos impostos, taxas e prezos públicos, que permanecen inalterados un ano máis e non repercutirán negativamente na economía familiar da veciñanza. Ademais, o rexedor sinala “a atención ás persoas e a cohesión social como eixos prioritarios, en resposta ao envellecemento da poboación e ás demandas de conciliación da xente”.

O Concello mantén tamén débeda cero con entidades financeiras privadas e prevé seguir reducindo a súa única débeda vixente, que se corresponde con préstamos provinciais da Deputación da Coruña e que diminuirá de 710.677,09 a 556.600 euros. O alcalde asegura que “o saneamento das nosas contas e o estrito equilibrio orzamentario son dúas das nosas principais fortalezas, e iso seguirá sendo así durante o próximo exercicio, xa que non concertaremos ningún novo préstamo en 2027”.

O Capítulo 6 do documento económico, dedicado aos investimentos reais, volve ser o de maior peso nas contas municipais, cun 40,15 % do total (4.401.157,29 euros), poñendo de manifesto o compromiso do Concello co aumento da oferta de vivenda pública e coa mellora da rede viaria e o saneamento. En concreto, destinaranse 160.000 euros á rehabilitación dun edificio para a creación de dúas novas vivendas públicas e 115.000 para a compra de solo edificable orientado a Vivendas de Protección Oficial (VPO). Tamén se prevén obras de mellora en centros educativos, como o CEIP Bormoio-Agualada, o CEIP Canosa-Rus ou o CPI Alcalde Xosé Pichel.

Preto está a partida contemplada para gastos correntes e servizos, que será de 4.327.562,59 euros, un 39,47 % do total. Neste Capítulo 2 ten un gran peso o reforzo histórico do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que contará cunha dotación superior aos 1,61 millóns de euros (un 79 % máis con respecto ao período anterior) e que permitirá cubrir máis de 60.000 horas anuais de atención domiciliaria. Nesta liña de desenvolvemento social, cabe subliñar a expansión de Xantar na Casa, permitindo ampliar o servizo de reparto de comida a domicilio de 10 a 25 persoas beneficiarias.

No Capítulo 2 tamén entran outras apostas importantes do Goberno local, como a cultura e a conciliación, cuxo orzamento medra un 56 % para consolidar proxectos como Vive+, a Rede Cultural, as actividades extraescolares e o programa Xermolar ou ampliar o horario de conciliación vespertina de 17:00 a 19:00 horas.

No que respecta ao emprego, ademais da subida salarial legal, o Concello cofinanciará o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña e ampliará o cadro de persoal municipal con catro novas prazas: dous administrativos por promoción interna, un condutor para obras e maquinaria e un auxiliar administrativo para a área de Cultura.

Por último, destacar o apoio á escolarización e ao tecido asociativo, con partidas de 61.500 euros para a Escola Infantil Municipal, 10.000 en concepto de axudas para a adquisición de libros e material escolar, 10.000 para emerxencias sociais e 45.000 en subvencións anuais para asociacións culturais e deportivas e a ANPA.