- A Ruta do Litoral de Camariñas, A Senda do Mar Razo-Baldaio e A Senda do Mar de Santo Hadrián de Malpica, tamén recolleron o distintivo.
José Manuel López Varela, representou este venres ao Concello no acto de entrega das bandeiras Senderos Azules que se celebrou na localidade valenciana de Cullera baixo a organización da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac).
Sendero Azul é o galardón co que Adeac recoñece o papel das sendas e camiños de acceso ás praias como valiosos recursos para a interpretación ambiental, o desfrute da natureza e a realización de actividades deportivas e de ocio ao aire libre.
O Sendeiro de Saldoiro obtivo o recoñecemento por décimo terceiro ano consecutivo. Trátase do tramo do paseo marítimo de Caión de 1,5 quilómetros de distancia que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido.
A obtención do Sendero Azul supón un importante aval ao traballo continuado do Concello na conservación e posta en valor do entorno costeiro. Desde o punto de vista institucional, o distintivo constitúe un dobre recoñecemento: por unha banda, avala o compromiso municipal coa protección ambiental e a xestión sostible do litoral; pola outra, reforza a proxección turística de Caión como destino vinculado á natureza, á calidade paisaxística e á actividade ao aire libre. Nun contexto no que o turismo responsable gaña peso, contar cun galardón estatal consolidado convértese nun elemento diferenciador e nun selo de confianza para visitantes e usuarios.
En toda España foron concedidos 194 Senderos Azules, dos cales 72 son itinerarios galegos pertencentes a 33 concellos diferentes, 9 deles na provincia da Coruña.
Ademais do Sendero Azul, o Concello da Laracha tamén presentou candidaturas a Adeac para repetir neste ano os recoñecementos de Bandera Azul para a praia de Caión e de Centro Azul de Educación Ambiental para o Museo dos Muíños de Golmar.