O BNG de Dumbría amosa a súa preocupación pola posible destrución de postos de traballo en Xeal

2 minutes read

BNG de Dumbría vén de amosar a súa preocupación pola situación na que se atopa Xeal e os últimos acontecementos coñecidos respecto da compañía, co apagado dun novo forno que deixa o complexo industrial ao 20% da súa capacidade, ademais da rescisión dos contratos de todo o persoal eventual, elevando a máis de 90 os postos de traballo destruídos desde a chegada do novo grupo inversor ENERGO-PRO.

O portavoz municipal dos nacionalistas, Xaime Trillo, preguntou no pleno celebrado este martes 3 de novembro se o goberno local vai a levar a cabo algunha acción ao respecto da situación nas fábricas, sen obter ningunha resposta concreta.

«A empresa tivo cuantiosos beneficios no último exercicio, ademais de presumir de millóns de euros en axudas públicas, mentres que a realidade nos centros de traballo é a dunha agonía industrial calculada», lembrou o voceiro do BNG, que sinalou que «Xeal reduce a súa actividade a mínimos e recorta as condicións laborais do cadro de persoal, e queremos saber se o equipo de goberno de Dumbría ten pensado facer algo ao respecto, tendo en conta que a compañía demostrou que non ten interese en producir ferroaliaxes, senón en comerciar coa enerxía».

Moción de apoio á folga xeral

Por outra banda, o Pleno da Corporación aprobou unha moción presentada polo grupo municipal do BNG na que se pide o apoio e solidariedade do resto de forzas políticas á folga xeral impulsada polo sindicalismo nacionalista (CIG), en coincidencia coas plataformas e colectivos en defensa do dereito á vivenda.

Na iniciativa, que saíu adiante pese ao voto en contra dun concelleiro do PP e a abstención do PSOE e doutro edil popular, o BNG reclama á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a posta en marcha inmediata de medidas efectivas para conter a emerxencia habitacional, así como a implementación de políticas orientadas á redución do custo da vida, ao control e á intervención dos prezos dos bens esenciais e servizos enerxéticos, así como á mellora dos salarios e á actualización das pensións.

O portavoz municipal do BNG, Xaime Trillo, criticou a postura do grupo do PSOE. «Non se entende que non voten a favor dunha iniciativa de apoio a unha folga xeral que se centra en cuestións tan importantes como o dereito á vivenda digna e a prezos xustos, a carestía da vida, e o poder adquisitivo da clase traballadora e as persoas pensionistas».