O CCA Carballo entregou os seis cheques do sorteo da campaña de Samaín «Truco ou Trato?»

1 minutes read

O Mercado Municipal de Carballo acolleu onte a entrega dos cheques correspondentes ao sorteo da segunda edición da campaña de Samaín «Truco ou Trato?», organizada polo CCA Carballo. En total, repartíronse seis premios de 50 euros entre cinco persoas, xa que unha das participantes resultou dobremente afortunada.


As persoas gañadoras foron Elena María Lorenzo Moreira, Mario Pensado Gesto, Eva Bouzas Rey, Caterina Pena Suárez e Bea Núñez Suárez, esta última beneficiaria de dous cheques, por un importe total de 100 euros.

Os vales, cun prazo de utilización ata o vindeiro 14 de decembro, poderán canxearse nos seguintes 17 establecementos asociados ao CCA Carballo: Adega O’Lagar, Asador Río Sil, Cafetería A Nova Ferradora, Cafetería Mercado, Ceibo Café, Confitería San Luis, Dobbo’s Cookies, Gumi Golosinas y Regalos, Maloserá Carballo, Mmmm! Xeados, Panadaría Forno Novo, Parrillada A Lareira, Pizza Troppo, Restaurante Albaroque, Restaurante Pementa Rosa, Taberna O Lambón e Zuccaro.


Desde o CCA lembran tamén que, debido á extraordinaria afluencia de público rexistrada o pasado venres na xornada de clausura, que superou todas as previsións e provocou que se esgotasen os agasallos directos previstos para as persoas que acudiron disfrazadas, a asociación porase en contacto ao longo desta semana coas familias que non puideron recoller o seu premio naquela tarde para facerlles entrega do vale correspondente.


A asociación quere agradecer novamente a excelente resposta da veciñanza nesta segunda edición de «Truco ou Trato?», así como a implicación das familias que participaron na proposta e percorreron os escaparates dos 41 establecementos asociados participantes.


Grazas por xogar, por participar, por mercar en Carballo e, sobre todo, por confiar e apostar polo comercio local. Unha participación que permite seguir impulsando iniciativas que enchen as rúas de actividade, dinamizan os negocios de proximidade e crean espazos de encontro para toda a veciñanza.