En concreto, o grupo municipal do BNG requiriu acceso aos contratos de comodato asinados con propietarios de fincas privadas para a habilitación de aparcamentos, así como ao rexistro municipal de asociacións. Trátase de información esencial para exercer a labor de control e fiscalización que corresponde á oposición, así como para garantir a transparencia na xestión dos recursos e espazos públicos.
O BNG lembra que a lexislación vixente establece un prazo máximo de cinco días para facilitar a información solicitada polos membros da corporación municipal. Transcorrido amplamente ese prazo sen resposta, o acceso á documentación enténdese concedido por silencio administrativo positivo. A negativa reiterada ou a inacción por parte do goberno local supón, polo tanto, un incumprimento claro das súas obrigas legais.
Desde o BNG de Laxe consideran “grave” esta situación contraria á lei (Lei de Bases de Réxime Local, art. 77), xa que “impide o normal exercicio das funcións democráticas da oposición e vulnera o dereito á información dos representantes públicos”. Ademais, sinalan que este comportamento “prolongado no tempo” evidencia unha “falta de vontade política de actuar con transparencia e de render contas ante a cidadanía”.
O grupo municipal nacionalista levou a pleno desde decembro este asunto lembrandolle ao goberno que todos os membros da corporación teñen dereito a obter toda a información necesaria para exercer o seu cargo. Este dereito está ligado ao artigo 23 da Constitución (participación política), polo que ten carácter case fundamental. É dicir: non é un favor do goberno municipal, é un dereito.
O BNG esixe ao goberno local a entrega inmediata da documentación solicitada e non descarta emprender as accións legais oportunas para garantir o cumprimento da lei e a defensa dos dereitos que lle corresponden como representantes da veciñanza.
Finalmente, o BNG reitera o seu compromiso coa transparencia, a boa gobernanza e o respecto ás normas democráticas, e advirte de que continuará a exercer todas as iniciativas necesarias para esclarecer este asunto.