O Grupo Municipal do BNG presenta ao Pleno do Concello de Laxe unha moción para denunciar as consecuencias que a entrada en vigor do Regulamento de Control da Pesca da Unión Europea (Reg. UE 2023/2842) está a provocar na frota artesanal galega e reclamar medidas urxentes de adaptación e apoio.
Exposición da denuncia por parte de Isabel Toja, concelleira do BNG en Laxe.
A moción subliña que o novo regulamento foi deseñado pensando en grandes buques e non contempla as particularidades da pesca de baixura: mareas curtas, tripulacións reducidas e prácticas artesanais respectuosas co medio mariño. As obrigas introducidas —diario electrónico, notificacións previas, instalación de cámaras e control de potencia— supoñen unha carga burocrática e económica desproporcionada para os pequenos patróns e poden poñer en risco o emprego e a economía local.
O BNG de Laxe insta ao pleno municipal que reclame á Xunta de Galicia a exercer as súas competencias en augas interiores e a desenvolver normas de control adaptadas á frota artesanal. Ao Goberno do Estado pídese que negocie coa Comisión Europea a exclusión da frota artesanal do ámbito do regulamento ou, cando menos, a súa flexibilización, a aprobación dunha moratoria e a apertura dun proceso de diálogo co sector para acordar solucións realistas.
É preciso negociar na UE, onde o BNG a través da nosa eurodiputada Ana Miranda votou en contra ao contrario do que fixo o Partido Popular, onde mesmo o seu eurodiputado galego Millán Mon defendiu a aplicación deste regulamento. Non podemos permitir que se comprometa o emprego, a economía local e a sustentabilidade de Laxe.
A moción lembra que a frota artesanal é clave para a fixación de poboación, a xeración de emprego e a dinamización económica de vilas como Laxe. O Grupo Municipal do BNG comprométese a seguir defendendo aos mariñeiros e mariñeiras e a esixir medidas que garantan a sustentabilidade social, económica e ambiental da pesca artesanal.
O BNG fará seguimento da tramitación da moción e informará das accións que se impulsen a nivel local e autonómico, e como sempre, defenderá ao sector pesqueiro.