O BNG de Muxía urxe actuacións para a mellora da cobertura telefónica e televisiva en todo o municipio

3 minutes read

O BNG de Muxía vén de solicitar, mediante unha moción que levarán ao pleno da corporación, que se acometan as actuacións necesarias para a mellora da cobertura de telefonía móbil e de TDT en todo o municipio.

Os nacionalistas piden que o Concello de Muxía se dirixa á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) co obxecto de que busquen o mellor sitio para a instalación dunha antena telefónica que, coa distancia adecuada dos núcleos de poboación, facilite a cobertura telefónica ás zonas nas que actualmente non a hai. Ademais, instan ao consistorio a que realice os trámites oportunos para localizar os terreos municipais adecuados, ou de intermediación coa veciñanza, para poñelos a disposición da AMTEGA para a instalación da antena telefónica.

Así mesmo, na iniciativa presentada polo BNG solicítase que se acometan no repetidor do Seixo melloras na instalación, para evitar que os cortes de luz fagan dano cada pouco, posibilitando a implantación de todas as canles dispoñibles na TDT e aumentar o sinal televisivo nas zonas escuras, que quedan fóra do alcance actual do repetidor; así como que se revise o funcionamento doutras instalacións similares que afectan tamén a outras parroquias do concello como Moraime, San Martiño e Muxía, nas que con frecuencia deixan de poder sintonizarse algunhas canles.

A formación nacionalista sinalou que xa en maio de 2024 alertara de que o repetidor de televisión do Seixo, sito no monte máis alto da aldea do mesmo nome e que daba servizo á parroquia de Frixe, “fallaba moi a miúdo, especialmente con meteoroloxía adversa, e tamén de que na mesma parroquia había zonas de ‘sombra’ que facían que a calidade da imaxe televisiva fose moi baixa, polo que só se ofrecía parte das canles de TDT e non a programación completa; e esta situación segue sen se solucionar polo momento”.

O BNG muxián incidiu en que tamén sucede o mesmo co sinal telefónico en amplas áreas do concello e, nomeadamente, na parroquia de San Martiño (Quintáns, Castelo, Agranzón). “O sinal telefónico na actualidade é case imprescindible en calquera fogar; hoxe en día increméntase a poboación de avanzada idade nas nosas aldeas, e da cobertura de telefonía dependen xestións tan relevantes como recibir información de citas médicas ou doutros trámites coa administración”, subliñaron os nacionalistas, que consideran que tamén hai que tomar en conta que na zona existen establecementos hostaleiros e vivendas e apartamentos turísticos que teñen problemas para conectarse cos potenciais clientes.

“Ante esta situación, cremos que é relevante e urxente que se acometan as actuacións necesarias para que todo o concello de Muxía teña un sinal de TDT e cobertura telefónica apropiada”, manifestou a voceira do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, que engadiu que “é preciso que todas as parroquias do concello conten con servizos de calidade que faciliten o día a día da nosa veciñanza”.

Barrientos insistiu en que “a intermediación pública é posiblemente a única forma de mellorar a cobertura de móbil no noso rural, pois debido ás características da poboación a iniciativa privada pode que non xestione estas actuacións porque non repercutirían no beneficio económico esperado”.