A fronte nacionalista vén de demandar transparencia sobre a prórroga técnica avanzada polo alcalde, da que non consta tramitación en curso, e tamén sobre os pregos do novo contrato anunciado de forma oficial hai un mes.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou este xoves a «absoluta falla de información» do Goberno municipal sobre o futuro deste servizo esencial «máis alá de declaracións xenéricas de Abel Caballero». Do mesmo xeito, reiterou a necesidade de convocar o Consello Sectorial de Transportes do Concello para abordar coa «máxima participación e diálogo» as condicións para mellorar o actual servizo de bus.
Dende o Bloque insistiron na «enorme oportunidade histórica» para a cidade que supón a fin da concesión de Vitrasa, «mesmo asumindo unha nova prórroga técnica por uns meses». A ese respecto, Igrexas volveu trasladar a proposta para constituír unha empresa municipal de transportes que permita a remunicipalización, a xestión pública do servizo, na liña doutras cidades galegas e do Estado, moitas delas alcaldías do PSOE.