O BNG de Vigo esixe a paralización da torre de control remota en Peinador

2 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo demanda a inmediata paralización da torre de control remota no aeroporto de Peinador por comprometer a seguridade aérea e reducir a operatividade dunha infraestrutura chave para a cidade. Os fallos técnicos rexistrados, como a interrupción tras só 30 minutos de funcionamento nas probas, confirman para a fronte nacionalista os riscos dunha tecnoloxía que limita a visibilidade do campo de voo, ao non ser de 360 graos, e dificulta a xestión de voos, poñendo en perigo a seguridade.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que «Peinador non é un lugar axeitado para experimentos tecnolóxicos», dado o seu complexo tráfico aéreo, que inclúe voos comerciais, helicópteros medicalizados, operacións de extinción de incendios e servizos de emerxencia, xunto con condicións meteorolóxicas adversas frecuentes. «As cámaras da torre remota, que son transmitidas a un soto sen visión directa da pista, non garanten a precisión necesaria, especialmente en horas punta ou con baixa visibilidade. Isto pode provocar atrasos e riscos graves para a seguridade», afirmou o portavoz, facendo eco das advertencias xa trasladadas polo BNG no Congreso a través de iniciativas do deputado Néstor Rego.

O BNG critica as intencións de Aena, que busca reducir custos laborais e precarizar o traballo das e dos controladores, coa posibilidade de centralizar desde Vigo o control aéreo do aeroporto de Alvedro, o que provocaría unha inda maior saturación. «Non imos permitir que Peinador se converta nun laboratorio de probas para un modelo que prioriza o lucro de Aena e empresas como Saerco por riba da seguridade e do servizo público», declarou Igrexas.

Piden a Caballero que se posicione

Na Comisión Informativa de Turismo, o BNG propuxo que o Goberno municipal de Abel Caballero reclame formalmente ao Goberno español a paralización inmediata da torre remota, ante os fallos detectados e as limitacións operativas. «O alcalde non pode seguir calado, Vigo merece un aeroporto seguro e eficiente, non un experimento arriscado que só beneficia a Aena a custa da nosa seguridade», engadiu Igrexas, criticando a «complicidade» do Goberno municipal.

«Dende o BNG seguiremos loitando para que Peinador sexa unha infraestrutura de primeiro nivel, con control presencial e melloras reais para o aeroporto da maior cidade de Galiza», remachou o portavoz.