O BNG de Vimianzo pide flexibilidade nos horarios da escola infantil Os Vimianziños

2 minutes read

O BNG de Vimianzo expresou o seu malestar polos criterios que se están aplicando na Escola Infantil Municipal Os Vimianziños, despois de coñecer as queixas de varias familias usuarias do servizo, que denuncian un endurecemento das normas de funcionamento desde que a escola pasou a ser xestionada directamente polo Concello.

Unha das principais preocupacións ten que ver cos horarios de entrada. As familias denuncian que a dirección está a aplicar unha marxe máxima de 15 minutos e que os atrasos son rexistrados, malia que o artigo 24 do Regulamento de Réxime Interno, publicado no BOP do 18 de febreiro de 2025, establece unha entrada flexible pola mañá ata as 10:15 horas, e recolle expresamente que os horarios deben adaptarse ás necesidades familiares, sempre que non se altere o funcionamento normal do centro.

Pero esta non é a única modificación que está a xerar malestar. Entre outras cuestións, tamén se están solicitando xustificantes médicos para xustificar as faltas de asistencia dos nenos e nenas. Unha esixencia que as familias consideran desproporcionada, xa que en moitas ocasións optan por deixar as crianzas na casa por precaución, ante os primeiros síntomas de malestar, sen que iso implique necesariamente acudir ao pediatra.

Desde o BNG consideran que estas novas esixencias están a introducir unha maior rixidez no funcionamento dun servizo público que debería ter como unha das súas prioridades facilitar a conciliación laboral e familiar. A formación nacionalista entende que deben existir unhas normas de organización, pero reclama que se apliquen con proporcionalidade, sentido común e respecto ás circunstancias das familias con crianzas de 0 a 3 anos.

Por este motivo, o BNG de Vimianzo anunciou que presentará unha queixa formal no Rexistro municipal para solicitar explicacións sobre os criterios aplicados, os seus fundamentos normativos e os protocolos que regulan estas actuacións. Ademais, solicitará que esta cuestión se inclúa na orde do día do próximo Pleno municipal, se fose necesario, para reclamar explicacións ao goberno local e defender un funcionamento da escola acorde co seu propio regulamento e coas necesidades das familias.