O CCA Carballo puxo o broche final á segunda edición da campaña «Truco ou Trato?» donde unha gran participación, disfraces, diversión e o ambiente familiar foron os protagonistas. A afluencia de público superou as previsións da organización, que recibiu numerosas nenas, nenos e familias dispostas a completar o xogo e participar no sorteo final.
Este venres celebrouse o sorteo dos seis cheques de 50 euros para gastar nos establecementos asociados de hostalaría e alimentación. As encargadas de extraer as papeletas gañadoras foron tres mans inocentes: Valeria, Candela e Clara.
As persoas premiadas nesta edición foron Elena María Lorenzo Moreira, Mario Pensado Gesto, Eva Bouzas Rey, Katerina Pena Suárez e Bea Núñez Suárez, que resultou dobremente afortunada e recibirá dous cheques, cun valor total de 100 euros. A entrega dos vales está prevista para a vindeira semana, tras contactar con todos os/as premiados/as.
A xornada final foi tamén un reflexo do éxito dunha campaña que, durante quince días, levou a maxia do Samaín aos escaparates de 41 comercios asociados. Numerosas persoas percorreron os establecementos participantes para localizar as once figuras agochadas e completar as súas cartolinas, convertendo a proposta nunha actividade de lecer compartida en familia e con amizades, ao tempo que se incentivaba o consumo no comercio local.
A resposta do público na tarde de onte foi especialmente destacada. A participación superou as previsións e esgotáronse todos os agasallos reservados para as persoas que se achegaron disfrazadas. Para que ninguén quede sen o seu premio, o CCA Carballo recolleu os datos das persoas que non puideron recibir o vale na xornada de onte e porase en contacto con elas o vindeiro luns para facerlles entrega dun agasallo.
Desde a asociación queren agradecer a extraordinaria acollida desta segunda edición e, especialmente, a participación da veciñanza, tanto de quen percorreu os escaparates durante estes días como de todas as persoas que se achegaron á Praza do Concello para celebrar o Samaín, moitas delas caracterizadas para a ocasión.
O CCA Carballo destaca a importancia de iniciativas coma esta para dinamizar as rúas, fomentar a actividade comercial e ofrecer propostas de lecer que contribúan a facer comunidade arredor do comercio de proximidade.
