O BNG leva o Parlamento a restauración do muro do mosteiro de Ozón e as condicións laborais do persoal de Xeal

5 minutes read

O BNG vén de conseguir que se active a restauración dun muro derruído no conxunto arquitectónico do mosteiro de San Martiño de Ozón, no municipio de Muxía. Trátase dun elemento patrimonial situado a carón do camiño de Santiago e que está invadindo parte desta vía que pertence á Prolongación Xacobea a Fisterra.

O deputado Oscar Insua levou esta cuestión este venres 28 de maio á Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego, onde interpelou ao director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao que lle lembrou que o BNG xa rexistrara o ano pasado varias iniciativas nas que pedía ao goberno galego que realizase un estudo para avaliar canto antes as deficiencias na cuberta e muros interiores da igrexa de San Martiño de Ozón, así como a atopar unha solución para arranxar e levantar o muro derrubado ao pé do camiño xacobeo.

O director xeral informou que non recibira ningunha notificación  do Concello de Muxía nin do Arcebispado de Santiago sobre a situación de deterioración do complexo arquitectónico, mais Insua recriminoulle que a iniciativa parlamentaria do BNG estaba presentada dende fai un ano, polo que estando informados na Xunta, non comprendía como non se fixera nada, nin se acometera ningunha actuación inmediata.

Oscar Insua salientou na comisión parlamentaria que foi a insistencia do BNG, traendo a responder aos responsables de patrimonio cultural do goberno galego, o que provocou que se puxeran en contacto cos responsables do Mosteiro e da Igrexa, e se reactivara este asunto e se iniciasen os traballos de redacción dun proxecto técnico para rehabilitar o muro, tal e como informou o director xeral de Cultura, que comunicou que o Arcebispado de Santiago encargou dito proxecto,  e que unha vez elaborado, corresponderalle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta emitir un informe, para que logo a comisión mixta Xunta de Galiza-Igrexa aborde a reconstrución do muro derruído.

O parlamentario nacionalista puxo en valor o traballo do BNG para que se actuase na conservación de dito muro e do conxunto arquitectónico de San Martiño de Ozón.

“Alegrámonos deste anuncio e de que se vaian a tomar as medidas necesarias de rehabilitación, porque o seu estado non é o máis adecuado; a igrexa parroquial presenta deficiencias nas cubertas, o que provoca numerosas filtracións de auga que afectan ao patrimonio escultórico, artístico e bibliográfico do templo”, sinalou Insua.

O deputado do BNG engadiu que “aínda pode seguir caendo parte do muro e pode caerlle calquera día a un peregrino ou peregrina ou a un veciño ou veciña, porque está pegado ao camiño de Santiago. Precisa que se actúe canto antes, sen demora”.

O BNG pide á Xunta que requira a XEAL que free a destrución de postos de traballo e mellore as condicións do cadro de persoal no convenio laboral

O BNG pediu á Xunta de Galiza que requira a XEAL para frear a destrución de emprego na empresa e mellorar as condicións dos traballadores e traballadoras no novo convenio colectivo, que está pendente de aprobar, mellorando o poder adquisitivo e os dereitos laborais do cadro de persoal.

Nunha pregunta parlamentaria impulsada polo deputado Oscar Insua este venres 28 de maio na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, o Secretario Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez Iglesias, admitiu a contabilización da perda de 50 empregos, aínda que o comité de empresa afirma que superan os 90 desde o ano 2019.

Oscar Insua recriminoulle a Vázquez Iglesias que non frivolizara coa destrución de postos de traballo. “En todo caso, se a sentenza do TSXG ditaminou que hai que manter o emprego, o que está claro é non se pode perder nin o primeiro, porque é contrario a manter o emprego, polo que hai que esixir o cumprimento da sentenza á empresa, e desde logo, mellorar as condicións dos traballadores”, insistiu o deputado nacionalista.

Insua denunciou a situación de tensa calma na empresa, e a actitude da empresa cos traballadores e traballadoras na negociación do convenio colectivo, negándolles mellorar as condicións laborais e económicas do anterior convenio, xa caducado. “E todo isto, despois de recibir máis de 30 millóns de axudas públicas nos últimos cinco anos, e ter beneficios millonarios cada ano”, manifestou o parlamentario do BNG, que considerou esta situación “un auténtico despropósito”, e instou ao goberno galego a interceder coa empresa para chegar a un acordo xusto co cadro de persoal.

O deputado nacionalista comentou que a actividade na fábrica de Brens “está totalmente parada, non está en funcionamento ningún forno, polo que estase a xerar unha situación de incerteza tanto entre os traballadores e traballadoras como na comarca”, e preguntouse “como é posible que por un lado comezaran a construír a planta de conversión de madeira en carbón vexetal, proxecto declarado estratéxico polo consello da Xunta de Galiza, namentres vaise comprobando como se desmantela a industria de ferroaliaxes”.

Segundo Oscar Insua, “todo isto é produto da insistencia da empresa en segregar as actividades; o BNG leva denunciando hai tempo os intentos desta segregación, a industrial da de produción enerxética”. E apremiou ao director xeral “a poñer mans no asunto e facer que se cumpran as cláusulas concesionais, ademais de mediar na negociación do convenio”.

Ademais, o parlamentario do BNG acusou ao goberno galego de permitir “anos e anos de espolio” dos recursos naturais por empresas foráneas en todo o país, “e non podemos deixar que XEAL, despois de recibir axudas e ter grandes beneficios, trate así aos empregados e empregadas , e que parte dos beneficios non revertan na comarca, porque os empregos non son un beneficio en si, a pesar da importante repercusión que ten na economía da comarca; os empregos e salarios son custos da empresa, e o beneficio social ten que saír do beneficio neto da empresa”.

“Os recursos naturais da Costa da Morte non poden converterse nun simple negocio especulativo desligado do interese social. As concesións hidroeléctricas e os recursos públicos deben estar vinculados ao mantemento da actividade industrial, do emprego e do desenvolvemento económico da comarca”, concluíu Oscar Insua.