Tanto o PSOE como o BNG, manifestan o seu profundo malestar pola decisión do Goberno local de convocar un pleno extraordinario ás 9:00 da mañá, un horario que, ademais de ser totalmente inusual, impide na práctica a asistencia de boa parte da dos concelleiros que compatibilizan a súa labor pública co seu traballo profesional.
A convocatoria, realizada sen xustificación suficiente e con escasa antelación, supón un claro obstáculo á transparencia e á participación cidadá, principios que deberían guiar a acción de calquera administración pública. Resulta especialmente grave que se recorra a este tipo de prácticas nun momento no que a sociedade demanda institucións máis abertas, accesibles e
comprometidas co diálogo.
Desde o PSOE, o seu voceiro José Manuel Pérez Abelenda, lembra que os plenos municipais son o máximo órgano de representación democrática; “fixar unha sesión extraordinaria a primeira hora da mañá, en pleno horario laboral, non responde ao interese xeral, senón a unha forma de limitar o debate público e reducir a visibilidade das decisións que se pretenden adoptar”, remata o voceiro Socialista.
Pola súa banda, o voceiro do BNG, Enrique Serra, esixe ao Goberno local que rectifique e que, “de agora en diante, garanta que as convocatorias plenarias —ordinarias ou extraordinarias— se realicen en horarios respectuosos coa participación democrática, facilitando que a veciñanza poida seguir e fiscalizar a actividade municipal”.
