A Xunta de Goberno Local, reunida este mércores en sesión ordinaria, aprobou con carácter inicial o proxecto de expropiación dos terreos necesarios para levar a cabo a futura ampliación e urbanización do entorno da igrexa de San Martiño de Lestón, un novo paso administrativo necesario para facer realidade a actuación que permitirá transformar por completo ese ámbito e mellorar os seus equipamentos e condicións de accesibilidade
O expediente comprende catro parcelas que suman unha superficie total de 2.981 metros cadrados. O Concello investirá 64.000 na súa adquisición.
Tralo acordo da Xunta de Goberno abrirase un prazo de exposición pública por un período dun mes, durante o que as persoas interesadas poderán presentar as observacións ou reclamacións que consideren oportunas. Unha vez rematado e analizadas as posibles alegacións, o expediente será elevado ao Pleno municipal para a súa aprobación definitiva.
A adquisición destes terreos permitirá desenvolver o Plan especial deseñado polo Concello no entorno da igrexa da parroquia á que pertence a vila de Paiosaco. Contémplase a creación dun espazo de uso público que funcionará como praza e zona de aparcamento, con capacidade para aproximadamente sesenta turismos e tamén autobuses. Para favorecer a integración da actuación no entorno, está previsto empregar un pavimento de celosía de formigón que permita o crecemento do céspede e, ao mesmo tempo, a circulación e estacionamento dos vehículos.
A actuación tamén inclúe franxas vexetais como elementos de transición entre os distintos espazos, unha nova rede de iluminación pública e a mellora dos itinerarios peonís cara ao adro e o cemiterio. Do mesmo xeito, melloraranse as conexións viarias enlazando as dúas estradas que conflúen no Igrexario de Lestón e que comunican coa AC-552 desde as Rañeiras e Fofelle.
Na Xunta de Goberno Local tamén foron concedidas tres licencias urbanísticas, das cales dúas son para a construción de vivendas unifamiliares nas parroquias de Torás e Vilaño e a outra, para una nave forestal na parroquia de Torás.
