O BNG pide á Xunta melloras nos controis de biotoxinas na ría de Corcubión

2 minutes read

O BNG da Costa da Morte, a través de varias iniciativas parlamentarias do deputado Oscar Insua, vén de solicitar á Xunta de Galiza que modifique a normativa que regula o programa de actuacións para o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura, aumentando as subzonas de control dos bancos de moluscos na ría de Corcubión. Así mesmo, pide que se encomende ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galiza (INTECMAR) realizar diariamente análises nas subzonas en dita ría, cando os resultados son positivos en biotoxina, ata que sexa negativo, como xa se fai noutras rías galegas.

O BNG sinalou que os mergulladores adscritos ao plan conxunto de navalla e longueirón, e que xestionan as confrarías de Corcubión, Fisterra e Lira, teñen 16 subzonas de explotación, mais só se realizan dous controis de biotoxinas en dúas subzonas que engloban o total destas. Os controis analíticos efectuados polo INTECMAR sobre o mexillón de pedra son semanais na zona Corcubión-Fisterra, e cando as mostras dan positivo en biotoxina, prohíbese cautelarmente a extracción tamén da navalla e do longueirón.

A formación nacionalista advertiu que os traballadores veñen queixándose desde hai anos pola operativa, pois os resultados das mostras son posteriores ás capturas e tardan máis dun día, e cando estas dan positivo vénse na obriga de ter que devolver ao mar cantidades importantes de navalla, perdendo cartos e días de traballo.

“Isto foi o que ocorreu recentemente na zona, pois a análise do mexillón de pedra en Cee do pasado 29 de abril dou positivo, e os mergulladores que colleron longueirón en Caldebarcos (Carnota) tiveron que desfacerse de case 30 quilos, cun valor de 500€, e namentres a mostra de tóxina na subzona II (praia da Langosteira) era negativa”, subliñaron os nacionalistas.

Dende o BNG consideran que á vista dos feitos é necesario dividir en máis subzonas a ría de Corcubión aos efectos de analizar a biotoxina, e de realizar análises diarios no caso de ser positivos, como xa se fai noutras rías ata que a mostra sexa negativa, e non cada semana. “Con estes cambios, os mariscadores poderían optimizar os 235 días ao ano que lles permiten traballar, e os 60 días que só poden facelo na praia de Carnota, tendo en conta o resto de limitacións, como o de traballar só polas mañás de 8 ás 14 horas”, indicou a organización nacionalista.

O parlamentario Oscar Insua manifestou que  “o marisqueo na comarca está a pasar por un momento moi crítico, con diferentes problemáticas segundo a ría. O Partido Popular que goberna a Xunta dende fai 17 anos debe responder de forma contundente con toda a axuda posible ante esta crise xeralizada en todas as rías galegas, e que dende logo non favorece á remuda xeracional que se precisa para que o sector sobreviva nos vindeiros anos”.

“Esperemos que apoien estas novas propostas que van axudar en boa medida aos distintos mariscadores”, concluíu Insua.