O BNG pide á Xunta que axilice os trámites para que as mariscadoras de Camariñas poidan cobrar o paro

2 minutes read

O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Oscar Insua, presentou diversas iniciativas no Parlamento galego nas que demanda á Xunta de Galiza que axilice os trámites de suspensión e modificación do plan de xestión para moluscos bivalvos solicitado pola Confraría de Camariñas, así como comezar a elaborar de forma inmediata un plan global de viabilidade para actividade marisqueira na ría.

A formación nacionalista indicou que van dous meses desde que a confraría solicitaron á Consellería do Mar que realizase ditos trámites, que son necesarios para que as mariscadoras de Camariñas poidan pedir as axudas polo cese da actividade no Instituto Social da Mariña (ISM), dado que cotizan no Réxime Especial de Traballadoras do Mar, e ante a falta doutro plan ou a elaboración dunha orde de axudas específica para este colectivo por parte da Xunta.

“As mariscadoras seguen sen poden traballar, e sen cobrar axuda algunha, de feito no pasado Nadal nin puideron traballar nin cobraron un só céntimo de euro”, advertiu o BNG, que denunciou que “o Goberno galego leva escapando deste problema e non é capaz de ofrecer unha solución para recuperar os bancos marisqueiros en Camariñas”.

O deputado Oscar Insua manifestou que «é unha vergonza o trato que está a recibir as mariscadoras. Se foran grandes empresarias o PP xa lles tiña os papeles listos».

O parlamentario do BNG  engadiu que «a Xunta non lles saca ningunha liña de axuda específica, e por enriba de teren que tirar do paro que teñen acumulado, retrásanlle a tramitación; é unha burla».

Pola súa banda, a responsábel local dos nacionalistas en Camariñas, Ana Pasantes, afirmou que «desde o BNG non imos parar ata conseguir que as mariscadoras cobren dunha vez e teñan aprobado un plan de futuro, aínda que do goberno do PP pouco ou nada podemos esperar».