O BNG de Vimianzo pediu ao goberno municipal que invista en diversas obras de mellora en Serramo e Bamiro no vindeiro Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación.
Os nacionalistas lembraron que en novembro de 2025 aprobáronse en pleno os orzamentos municipais de 2026 do Concello de Vimianzo. Durante o debate, o BNG insistiu na necesidade de incluír partidas de investimento para a instalación de saneamento na parroquia de Serramo, “a única do concello que non conta na actualidade con ningún núcleo de poboación conectado á rede”.
Na mesma sesión, o grupo nacionalista solicitou tamén a execución de obras de saneamento e a instalación de beirarrúas en O Campo e Bamiro. Segundo informou o BNG, a alcaldesa condicionou a realización destas actuacións ao importe que o Concello reciba a través do Plan Xeral de Obras da Deputación da Coruña.
A formación nacionalista apuntou que a Vimianzo corresponderanlle arredor de 1 millón de euros. As inversións que se financiarán con estes fondos deberán ser presentadas en comisión esta mesma semana e ratificadas na posterior sesión plenaria que se celebrará a primeira semana de febreiro.
O voceiro municipal do BNG, Benxamín Queiro, considera que o importe recibido “é máis que suficiente para acometer as obras solicitadas, polo que esperan que o goberno municipal cumpra o acordado”. E avanzou que “o noso voto no vindeiro pleno dependerá de que estas actuacións sexan finalmente incluídas”.