O BNG urxe á Xunta un plan de mantemento e mellora das estradas comarcais na Costa da Morte

2 minutes read

Segundo sinalou a formación nacionalista, na Costa da Morte as principais vías de comunicación coas cidades de Compostela e A Coruña atópanse en moitos dos seus tramos “nun estado lamentable que dificulta a viabilidade e circulación do tráfico”. É o caso da estradas AC-552, AC-440, AC-441, AC-544, AC-545, AC-546, AC-547 e AC-404.

O deputado do pola BNG Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, subliñou que algunha das citas vías foi obxecto de reparacións o ano pasado, nas cales se fixeron actuacións que consistiron en remendar con capas de asfalto os tramos máis deteriorados, “pero este ano, en gran parte debido ás condicións climáticas, volveron a aparecer fochancas e hai treitos en malas condicións, tramos onde se acumula moita auga das choivas e provocan ‘aquaplanig’”.

“Ademais, un dos grandes problemas existentes e común en todas estas estradas e que as liñas e marcas viarias non se ven, ben porque non están pintadas desde as últimas reparacións, ou ben polo desgaste do tempo, o que supón un auténtico perigo nos días de mal tempo, que este inverno están sendo case todos”, advertiu a formación nacionalista, que salientou que as liñas de pintado “son imprescindíbeis para manter a seguridade viaria e é necesario que sexan nítidas e teñan unha boa visibilidade nos momentos de escuridade”.

O parlamentario do BNG Oscar Insua afirmou que “as estradas da Xunta dan vergoña, parece que nos caiu unha das sete pragas. Hai que poñer novos firmes, non andar parcheando os furados, porque en tres días volven estar abertos e sobre todo pintar as liñas viarias. Non pode ser que sexamos os últimos para todo.”

Críticas en Vimianzo

O portavoz nacionalista, Benxamín Queiro, fixo referencia ao que definiu como «incomprensible atraso de numerosas licitacións de servizos básicos, algunhas delas caducadas desde hai anos. Entre elas atópanse o contrato do servizo de recollida do lixo, o da escola infantil e o da vivenda comunitaria. Este último presenta graves consecuencias tanto para as persoas usuarias como para as traballadoras do servizo, que acumulan atrasos superiores aos 20 días no cobro das súas nóminas». O BNG lamentou que, «malia contar en 2025 co maior orzamento da súa historia, o Concello peche o ano en negativo sen acometer investimentos necesarios como o estudo dunha piscina climatizada ou a compra de terreos para a escola infantil», concluíu.