O equipo carballés non tivo piedade no derbi co seu rival, o OAR Coruña, ao que terminou gañando por goleada no partido xogado este sábado no Vila de Noia, con moita actitude e intensidade, (37-20). Comezou o partido con moito respecto entre ambos os equipos, o OAR marcou primeiro aos 50 segundos, e mesmo mantivo a vantaxe ata o minuto tres. A partir de aí moita loita corpo a corpo en pista con tres minutos sen goles. Foi no minuto seis cando comezou a funcionar a “apisoadora” do Calvo Xiria sobre o seu rival, chegando ao ecuador da primeira metade cunha vantaxe de sete goles 10-3. A superioridade do xogo local traducíase nunha e outra ocasión de gol para o Xiria, que chegou ao descanso cun parcial de 11 arriba, 17-6. Non só foi o acerto en ataque, unha férrea defensa do Calvo Xiria contribuíu ao resultado e a que o OAR non fose quen de levantar o marcador. O equipo que dirixe Adrián Dubra non se relaxou na segunda parte e continuou intratable no dominio do rival, chegando mesmo a dobralo no marcador, 30-15 no minuto 15. Deportividade máxima, o conxunto coruñés aplaudiu ao final o triunfo do Xiria, que se clasifica para unha nova fase de ascenso, e xa van 7.
24