Extraordinario resultado, unha vez máis, do equipo Yacar Racing na quinta proba do Campionato de Galicia de Rallymix que se disputou este pasado sábado, 19 de setembro, en Cuntis, e onde o carballés Javier Ramilo ‘Kobas’, vixente campión da modalidade, volvía conseguir unha vitoria. Case un ano levaba o piloto de Carballo sen gañar, despois de que o tivese feito o ano pasado en Barbadás. Aínda que non puido realizar o mellor tempo en ningunha dos catro mangas celebradas, ‘Kobas’ lograba o seu primeiro triunfo da tempada sendo o máis regular no cómputo das mesmas.
Nesta ocasión os dous primeiros clasificados na clasificación provisional do certame, Alfonso ‘Pisko’ Ventín e Antonio L. Lence, tiveron diversos problemas, polo que finalizaban moi atrasados aínda que Lence lograba marcar o mellor crono nas dúas últimas pasadas ao treito mixto de terra e asfalto de case 15 km de percorrido.
Tamén hai que destacar a gran actuación do equipo de Yacar Racing composto por Daniel Remuiñán e Álvaro Cerqueiras, que concluía no podio da Clase B de Turismos co seu Škoda Fabia R5 Evo despois de emendar un problema mecánico xusto antes de iniciar a primeira manga, o que supuxo unha penalización de 30 segundos que lles impediu loitar polo triunfo, pero aínda así conseguiron remontar posicións despois de marcar o mellor tempo na súa categoría na segunda e terceira manga para concluír terceiros.
