O CCA Carballo pon en marcha a campaña «A voltas co cole» para premiar as compras de volta ás aulas

2 minutes read

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo activa unha nova campaña destinada a acompañar ás familias na súa “volta ao cole”. Un total de 23 comercios asociados, pertencentes a sectores como moda e textil, calzado, librarías e papelerías, clínica dental, fotografía, fogar, produtos reciclados, xoguetería ou xeadería, amenceron esta mañá coa imaxe da iniciativa, que busca premiar a fidelidade e a confianza dos clientes que realicen as súas compras nos establecementos adheridos.

Entre o 18 de agosto e o 19 de setembro, por cada compra ou servizo realizado nos comercios participantes, os consumidores recibirán un vale de participación que deberán gardar e presentar grampado ao ticket ou debidamente selado polo establecemento e coa data de compra para participar no xogo “A voltas co cole”, un pasatempo familiar que se desenvolverá na Praza do Concello os venres 5 e 19 de setembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas. En caso de choiva, trasladarase á primeira planta do Mercado Municipal.

A actividade baséase no tradicional xogo de dobres ou parellas e a súa mecánica é moi sinxela: unha vez entregado e verificado polo persoal do CCA, cada vale dará dereito a cinco intentos para descubrir as fichas que se agochan tras unha gran estrutura, que estará dividida en coordenadas. Cando o xogador/a logre facer tres parellas ou dobres, recibirá un premio de consolación; con catro acertos, poderá acceder a un agasallo ou experiencia directa (cine, e se fai pleno descubrindo as cinco parellas nunha soa tirada, obterá un cheque-compra de 50 € e participará no sorteo final de cinco tabletas de 10’’ (4 GB RAM, 128 GB ROM).

Non se permitirá máis dun vale/persoa á vez. Os/as participantes que desexen consumir máis dun boleto, deberán agardar de novo a súa quenda. Desde xeito, posibilitaremos o acceso ao xogo a todos os/as asistentes.

Sorteo final

O venres 26 de setembro, ás 21.00 horas, terá lugar o sorteo das tabletas entre todas as persoas que logren os cinco acertos. O acto celebrarase en Carballo e será retransmitido en directo a través do Instagram do CCA. É importante lembrar que os cupóns deberán estar correctamente cubertos cos datos persoais solicitados (nome, apelidos e teléfono). Aqueles que non se presenten de forma lexible ou completa quedarán automaticamente anulados.

Comercios participantes

Atmósfera Sport, Avanty Publicidad, Benetton, Calzados Susa, Clarión Libraría, Clínica dental Pico Blanco, donClip.es, La casita de Lu, Lencería Mª José, Maluca Lobe, Merliño xoguetería, Mmmm!Xeados, Necos, O barco dos soños, Pombo fotógrafo, Refugallo Zero, Retoños, Sweet Spirit, Teirón, Todo Lar, Upa!Espazo barefoot, Zapatillería Isabel, Zocas.