O Centro Sociocultural de Baio acollerá desde este xoves a exposición ‘Castelao Grafista’

2 minutes read

O Centro Sociocultural de Baio do Concello de Zas acollerá a exposición ‘Castelao Grafista (facsímile)’, unha proposta cultural que permitirá afondar na dimensión artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das figuras máis destacadas da cultura galega. A mostra, da man de Afundación Obra Social ABANCA, inaugurarase o vindeiro 19 de novembro, ás 12:00 horas, e permanecerá aberta ao público ata o 26 de decembro.

Con esta importante mostra sobre Castelao, o centro sociocultural sigue a ser un dos referentes culturais da comarca como un lugar para expoñer a obra  de xoves artistas, tanto fotógrafos coma  pintores. Nesta inauguración da nova tempada exponse unha aclamada exposición que se exhibiu xa nas principais vilas e cidades de Galicia. Temos que agradecer a ABANCA pola cesión desta exposición e a Tania Carreira polo traballo realizado para achegar esta mostra ao noso concello

A exposición reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos de ‘Cousas da vida’ de Castelao, 49 deles pertencentes á Colección de Arte ABANCA. Ademais, incorpora obras procedentes doutras institucións, galerías e coleccións particulares, ofrecendo unha visión ampla e representativa da súa produción gráfica.

Entre os materiais que se poderán contemplar figuran tres retratos fotográficos, catro caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. A exposición permite tamén achegarse ao texto orixinal de ‘Nós’ e descubrir dous manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, tres páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas polo propio autor e outros tres debuxos.

O acto inaugural contará coa presenza do alcalde de Zas, Manuel Muíño; da coordinadora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores; do coordinador institucional de ABANCA, José Manuel Vilariño; do director de Zona de ABANCA, Luis Braulio Álvarez; e da directora de Oficina, Inés Casariego.

A exposición poderá visitarse no Centro Sociocultural de Baio de martes a venres, en horario de 15:30 a 20:30 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas, completamente de balde.