O escritor Manuel Núñez Singala mantivo este luns unha conversa co Club de Lectura de Adultos do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, arredor da súa obra Instrucións para tomar café, na que compartiu cos participantes non só os detalles e curiosidades desta colección de relatos curtos e microrrelatos, senón tamén a súa particular maneira de escribir. Durante o encontro, explicou como concibe cada texto desde a precisión e o coidado absoluto pola linguaxe, pensando ao detalle cada palabra, cada xiro e cada matiz, nun proceso creativo no que nada queda ao azar. Esta forma de traballar reflíctese nunha obra que combina retranca, poética e humor intelixente. A actividade permitiu aos asistentes reflexionar sobre a identidade dos galegos e galegas ao mesmo tempo que gozaban dunha lectura amena e sorprendente.
O libro estrutúrase en catro bloques: Libro de reclamacións, Libro de estilo, Libro de instrucións e Libro de contos. Ningún deles é exactamente o que parece á primeira vista, e os relatos —traballados cunha minuciosidade que se percibe en cada liña— conducen ao lector desde situacións cotiás a reflexións sobre emigración, política, desigualdade social, crenzas relixiosas e a forma de ser dos galegos.
O Libro de estilo e o Libro de instrucións céntranse na identidade galega, mesturando humor, ironía e autocrítica, mentres que o Libro de contos revisita fábulas e relatos tradicionais para transmitir mensaxes claras sobre a vida. Ademais, unha parte central funciona como un manual satírico de comportamento, con instrucións divertidas sobre como tomar café ou como non parecer presuntuoso, sempre desde esa mirada afinada e precisa que caracteriza a escrita do autor.
Con relatos que van desde dúas liñas ata microrelatos máis elaborados, a obra destaca pola súa brevidade, agudeza e ironía. Esa aparente sinxeleza agocha, en realidade, un intenso traballo de depuración lingüística, no que cada palabra cumpre unha función concreta, contribuíndo a explorar a idiosincrasia galega e a reflexionar, mediante metáforas, sobre a realidade contemporánea.
Desde o IES recomendan a lectura deste libro, pois combina humor, filosofía e sociolingüística nunha proposta áxil, divertida e profundamente reveladora sobre Galicia e os galegos, na que se percibe claramente o oficio dun autor que entende a escrita como un exercicio de precisión e sensibilidade.