O Combo Dominicano e Irma Macías actuarán na Mostra de Camariñas pola investigación da ataxia

1 minutes read
  • Os fondos recadados irán para a asociación STOP FA

Se este mércores coñeciamos que Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán en Camariñas pola XXXI Mostra de Encaixe, este xoves o Concello fixo públicas dúas actuacións máis: a do Combo Dominicano e Irma Macías. Sen embargo, estes concertos destacan polo seu obxectivo solidario: os fondos recadados será doados á asociación STOP FA, unha entidade que aglutina a persoas afectadas por ataxia a nivel nacional.

A cantante vimiancesa e vocalista de Luar na Lubre participará na xornada inaugural acompañada do guitarrista Xaquín Rama, mentres que a orquestra actuará na clausura.

Esta iniciativa naceu de María Jesús González Souto, nai dun rapaz con ataxia e integrante de STOP FA, que contactou coa rexedora camariñá, Sandra Ínsua, para buscar vías de financiación para a asociación e a investigación dunha enfermidade que non ten cura.

«Todos temos claro que a Mostra do Encaixe de Camariñas é artesanía, tradición, moda ou vangarda, pero tamén é solidariedade, e por iso decidimos poñer o noso gran de area para botar unha man a estas familias que están a sufrir tanto pola falta de avances na investigación”, explica a alcaldesa.

Durante os cinco días da Mostra haberá un posto da entidade no que se poderán mercar diferentes productos e rifas e mesmo facer donativos. O Concello doou un chal de encaixe para ser vendido e contribuír así á causa.