O Concello da Coruña inicia a reforma do peveteiro conmemorativo de María Pita

1 minutes read

Trátase dunha actuación que responde ao compromiso do Goberno de Inés Rey coa conservación do patrimonio da cidade e a súa posta en valor como símbolo colectivo da memoria e da identidade coruñesa

O elemento central da reforma consiste na instalación dunha nova patena de bronce conmemorativa, única e orixinal, deseñada para permitir o uso cerimonial do peveteiro. Esta será sobre o queimador existente e incorporarase cun sistema de ancoraxe e fixación especialmente deseñado para garantir a súa estabilidade e durabilidade. «Contará cun elemento metálico protector a modo de base que permitirá realizar actos cerimoniais con lume controlado» sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

Ademais, a reforma do peveteiro supón a súa adaptación aos estándares medioambientais  mediante a anulación da antiga instalación de gas, un paso que permite eliminar riscos e garantir un espazo máis seguro e sostible, así como a restauración do basamento pétreo orixinal que será sometido a labores de mantemento e conservación especializada.

A intervención será realizada polo recoñecido forxador Telmo Cao, artesán con ampla traxectoria e prestixio no ámbito da fundición artística e a metalistería tradicional, que desenvolve o seu traballo en diferentes puntos de España. Destacan entre as súas intervencións a restauración de elementos patrimoniais en palacetes e predios privados de Menorca, nas casas modernistas de La Garriga ou mesmo na propia Basílica da Sagrada Familia, en Barcelona.