O Concello da Laracha apoia o rexeitamento da instalación dunha estación de telefonía móbil xunto ao CEIP Otero Pedrayo

1 minutes read

O Concello apoiou a mobilización celebrada na xornada deste xoves na que a veciñanza e membros da comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo expresaron o seu rexeitamento ao proxecto de instalación dunha estación base de telefonía móbil nunha parcela situada xunto ao centro escolar.

Á concentración sumáronse sete edís do Goberno local, que acompañaron aos convocantes para visibilizar a postura que o Concello vén mantendo desde o inicio deste procedemento: a de considerar que a ubicación proposta non é a máis axeitada pola súa proximidade ao colexio.

Durante o acto púxose de manifesto a preocupación existente entre as familias e residentes da zona nun clima de respecto e responsabilidade que o Concello destaca e agradece.

O Goberno local reitera que continuará traballando dentro das súas competencias para defender o interese xeral, e neste sentido insiste en que esgotará todas as vías legais ao seu alcance para evitar que a instalación se leve a efecto nese emprazamento.

Nesta liña, o Concello ten xa solicitados informes técnicos e xurídicos a organismos especializados en lexislación sobre radiofrecuencia e saúde co obxectivo de dispoñer de todas as garantías e coñecemento necesario á hora de adoptar calquera decisión no marco do expediente.

O Concello da Laracha continuará mantendo informada á cidadanía sobre a evolución deste asunto que require do máximo rigor, responsabilidade e sensibilidade por parte das administracións públicas e tamén dos promotores do proxecto.