O Concello da Laracha concorre a convocatorias da Xunta para a mellora de infraestruturas culturais municipais

1 minutes read

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores na Laracha acordouse que o Concello concorra a tres convocatorias de axudas da Xunta de Galicia dirixidas á mellora das infraestruturas e servizos culturais municipais.

Así, ao abeiro da liña de subvencións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, preséntase o proxecto para a renovación do acabado exterior do Centro Sociocultural do Rapadoiro, na parroquia de Coiro. A actuación contempla a rehabilitación das fachadas e da cuberta, o que permitiría mellorar tanto a funcionalidade do edificio para facilitar o uso veciñal como a súa integración estética coa contorna na que se sitúa. O orzamento é de 48.000 euros.

As outras dúas solicitudes de axudas son á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Dunha banda, a relativa a equipamento e mellora das instalacións e dos locais utilizados para a realización de actividades culturais, preséntase un proxecto para a substitución das fiestras de cuberta do edificio da Casa da Cultura e a mellora dos sistemas de impermeabilización co obxectivo de incrementar a habitabilidade, a eficiencia enerxética, a durabilidade e as condicións de mantemento do edificio. O orzamento alcanza os 37.000 euros.

Ademais, de acordo á convocatoria de axudas destinadas a entidades locais titulares de bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, a outra solicitude de axuda económica é para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas co propósito de reforzar os fondos documentais e fomentar o acceso á lectura e á cultura entre a veciñanza.