O Concello da Laracha convoca unha reunión informativa sobre a planta de biogás proxectada en Soandres

1 minutes read

O encontro celebrarase o mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura da Laracha, con acceso libre para todas as persoas interesadas.

Durante a reunión, técnicos municipais ofrecerán información sobre o proxecto, as súas posibles implicacións e o posicionamento en contra por parte da Corporación municipal, expresado por unanimidade no último Pleno ordinario.

Ademais, o Concello avanzará as accións que levará a cabo neste proceso, entre as que se inclúe a presentación de alegacións ao proxecto, así como a elaboración dun modelo de alegación tipo que se porá a disposición da cidadanía para que calquera veciño poida tamén mostrar o seu rexeitamento a título individual.

O Concello convida á cidadanía a asistir e participar activamente nesta reunión co obxectivo de resolver dúbidas, compartir información e favorecer unha resposta coordinada durante o período legal de alegacións ao proxecto.