O Concello da Laracha pon ao dispor da cidadanía o modelo de alegación contra o proxecto da planta de biogás de Soandres

1 minutes read

Faino co obxectivo de facilitar a participación veciñal no procedemento administrativo actualmente en tramitación.

O documento, elaborado tomando como base as alegacións que presenta o propio Concello, está dispoñible para a súa descarga na páxina web municipal alaracha.gal. O prazo para a súa presentación remata o 26 de maio.

En todo caso, o destino destas alegacións é a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, administración competente na tramitación do expediente e responsable da súa resolución.

Non obstante, a cidadanía poderá rexistrar a documentación de maneira presencial no Concello a través do rexistro municipal para a súa remisión á administración autonómica, ou ben presentala directamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

As alegacións municipais están fundamentadas, entre outras cuestións, na protección do patrimonio cultural, nos posibles riscos ambientais e de afección aos ríos da zona, nos impactos derivados do tráfico pesado e nas molestias asociadas aos cheiros da actividade prevista.

O Concello da Laracha reafirma, unha vez máis, o seu rexeitamento firme ao proxecto da planta de biogás de Soandres, unha postura xa expresada polo Goberno local, pola Corporación municipal de maneira unánime e tamén pola veciñanza e representantes dos municipios limítrofes na multitudinaria manifestación celebrada o pasado sábado.

Ademais, o Concello tamén puxo a antiga escola da Fraga de Soandres a disposición da plataforma veciñal Stop Biogás A Laracha para facilitar a cidadanía desa parroquia o procedemento de presentación das alegacións.