O Concello da Laracha reforza a Policía Local coa incorporación de catro auxiliares

1 minutes read

O Concello incorporou catro auxiliares de Policía Local que xa se atopan en servizo e que desenvolverán o seu traballo durante os próximos seis meses.

Os novos efectivos foron recibidos polo alcalde, José Manuel López Varela; os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Pablo Cambón; e o oficial da Policía Local, Víctor Vilanova. Durante o encontro déronlles a benvida e coordinaron a organización do traballo que realizarán nos próximos meses.

O reforzo do cadro de persoal prodúcese coincidindo coa chegada da época estival, cando se concentra unha maior programación de actividades multitudinarias sociais, festivas, culturais e deportivas no termo municipal. Neste sentido, os auxiliares contribuirán ao operativo de seguridade e control nas festas de todas as parroquias, que teñen unha especial intensidade entre o final da primavera e o verán, así como nos eventos organizados directamente polo Concello e o tecido asociativo municipal.

Tamén prestarán apoio nos principais puntos de referencia turística e de lecer, entre eles a praia de Caión e a área recreativa de Gabenlle, espazos que rexistran unha importante afluencia de visitantes durante estas datas.

Na actualidade o Concello da Laracha conta con catro axentes de Policía Local en servizo. Ademais, está en marcha e delegado na Axencia Galega de Seguridade Pública o proceso para incorporar outros dous efectivos.