O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Educación, Patricia Bello, mantiveron unha reunión con representantes da ANPA Porta Santa do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco co obxectivo de informar das previsións de mellora do centro de ensino e dos seus servizos de cara ao próximo curso escolar 2026-2027.
Durante o encontro, o rexedor trasladou ás representantes das familias os principais asuntos tratados na reunión mantida co director territorial de Educación, Santiago Freire, no propio colexio, centrada especialmente na situación do comedor escolar e nas necesidades detectadas tanto en materia de accesibilidade como de capacidade do servizo. Os representantes municipais explicaron que desde a Consellería de Educación se están estudando as solucións técnicas que permitan mellorar as condicións do lugar no que se presta o servizo e aumentar a súa capacidade para poder atender a un maior número de usuarios.
Tamén se trataron outras cuestións relacionadas coa previsión de actuar na mellora da accesibilidade nos aularios do centro de ensino e informouse da obra de mellora na cuberta do pavillón, que neste caso será executada e financiada polo Concello, e que previsiblemente se fará ao longo do verán.
A reunión desenvolveuse nun clima de colaboración e diálogo, no que o Concello reiterou a súa disposición a seguir traballando de maneira coordinada co centro educativo, coa Anpa e coa Xunta de Galicia para contribuír á mellora dos servizos e das instalacións do CEIP Alfredo Brañas.