O Concello de Betanzos e o Consorcio As Mariñas poñen en marcha a nova campaña de compostaxe doméstica

1 minutes read
Compostaxe doméstica_PIXABAY

«Aproveita os teus residuos orgánicos, COMPOSTA!». A iniciativa, que así se chama, diríxese aos máis de 13.500 veciños e veciñas do municipio e busca que máis fogares de Betanzos transformen na casa os seus restos de cociña e xardín nun abono natural para a horta e o xardín.

Quen queira comezar a compostar pode anotarse xa en http://consorcioam.rsu.gal/. O equipo da campaña porase en contacto con cada persoa inscrita para convocala á sesión de formación en Betanzos. As datas e o lugar anunciaranse nos próximos días nas redes sociais e na web do Concello e do Consorcio.

As sesións son gratuítas e ensinan a compostar paso a paso: que residuos se poden botar no composteiro, como manter o equilibrio entre restos húmidos e secos, e cando e como usar o compost. Ao remate, as persoas participantes recibirán o composteiro e o material para comezar na casa.

A campaña diríxese igualmente aos fogares de Betanzos que xa teñen composteiro. Un equipo de mestres composteiros chamará ás familias composteiras do municipio para saber como lles vai, resolver dúbidas e, nos casos que o precisen, visitalas na casa. Ademais, editarase unha nova guía de compostaxe doméstica.

Betanzos forma parte dos oito concellos do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), onde a campaña desenvolverá 36 accións de formación e sensibilización. No conxunto do territorio hai xa máis de 3.000 fogares con composteiro, e o obxectivo do Consorcio é aumentar un 5 % os fogares que compostan activamente e producir arredor de 27.375 kg máis de compost ao ano.