O Concello de Camariñas e a Fundación Naturgy organizan dúas charlas gratuítas sobre seguridade no fogar e aforro enerxético

1 minutes read

O Concello de Camariñas, en colaboración coa Fundación Naturgy, porá en marcha durante este mes de maio un pequeno ciclo de dúas charlas informativas e prácticas dirixidas a toda a veciñanza. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer os coñecementos necesarios para mellorar a seguridade nas vivendas e axudar ás familias a comprender as súas facturas e reducir o gasto enerxético.

A primeira das xuntanzas, sobre a ‘Prevención e seguridade no fogar’, terá lugar no Museo do Encaixe de Camariñas o vindeiro luns 18 de maio ás 10:00 horas. Durante este encontro abordaranse cuestións vitais para evitar riscos no día a día, estruturadas nos seguintes temas: prevención e seguridade xeral na vivenda; a electricidade, por que se producen os accidentes e cales son as medidas de prevención fundamentais; o gas, riscos potenciais, posibles accidentes e consellos prácticos para evitalos.

A segunda charla levará por título “Coñecer a nosa factura da luz, o bono social eléctrico e térmico e os hábitos de consumo”. Celebrarase no Museo de Man, en Camelle, o luns 25 de maio ás 10:00 horas. Para sacar o máximo proveito desta xornada, aconséllase a todas as persoas interesadas que leven a súa propia factura eléctrica. Os contidos a tratar serán: conceptos básicos para entender a factura eléctrica e do gas; información detallada sobre o bono social eléctrico e térmico (requisitos e vantaxes); hábitos de consumo eficaces para lograr un aforro real na casa.

A asistencia a ambas as dúas sesións é totalmente gratuíta. Non obstante, as prazas son limitadas e iranse adxudicando por estrita orde de inscrición. As persoas que desexen asistir poden reservar a súa praza desde xa mesmo chamando aos seguintes números de teléfono: 653 259 282 (Ali Trillo, educadora do Concello de Camariñas), 981 737 004 (Casa de Pedra).