Continúa deste xeito a dar pasos firmes na protección do seu medio natural e na seguridade de todas as súas parroquias. Grazas a unha subvención de 98.114,91 euros, o goberno local procederá á contratación directa de cinco persoas desempregadas, que se dedicarán a labores vencelladas exclusivamente coa prevención e defensa contra os incendios forestais.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia vén de ditar resolución favorable para o desenvolvemento do proxecto centrado na prevención de incendios nas faixas secundarias de xestión de biomasa.
Todos os contratos formalizados ao abeiro desta axuda terán unha duración ininterrompida de nove meses, permitindo crear un equipo de traballo completo e multidisciplinar: un/unha xefe/a de quenda ou coordinador/a de incendios; tres peóns forestais, encargados das tarefas físicas de roza e silvicultura; e unha persoa de apoio administrativo para o soporte organizativo do proxecto.
Dende o Concello de Camariñas destácase o enorme esforzo e o investimento crecente que se está a realizar en materia de prevención de lumes. A xestión correcta da biomasa e a limpeza das faixas secundarias —aquelas zonas de monte e vexetación que se atopan máis próximas ás vivendas e aos núcleos de poboación— é unha prioridade absoluta para o equipo de goberno.
Esta franxa constitúe a principal barreira de defensa para protexer ás persoas, aos seus bens e ás infraestruturas en caso de emerxencia. A formación deste novo equipo non só supón un impulso ao emprego local, senón que garante a posta en marcha dun operativo constante e moi necesario sobre o terreo durante os vindeiros meses de maior risco.
Isto súmase á recente aprobación por parte da Xunta de Galicia do listado enviado polo Concello con preto de 10 quilómetros (9.923 metros) de vías de titularidade municipal que precisan actuacións de limpeza nas faixas secundarias e que se executarán a través do convenio coa empresa pública SEAGA.
Ademáis, a comisión de seguimento do ‘Convenio de colaboración en accións de defensa e prevención de incendios forestais’ da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, ven de aprobar ao Concello de Camariñas o plan de actuacións preventivas no que se tratará de desbrozar 26 hectáreas co tractor municipal e 11 hectáreas coas brigadas de incendios.
E desde o mes de decembro a administración local conta con persoal administrativo subvencionado polo Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, para a comunicación da limpeza de faixas secundarias. Desde a súa incorporación, estes técnicos están enviando comunicacións aos propietarios afectados e proximamente se publicará no DOGA a obriga de limpeza de fincas preto das casas que no Catastro aparecen como propietario descoñecido. Estímase que serán case 12 hectáreas.