O Concello de Carballo aumenta os importes dos vales de alimentos de axuda ás familias necesitadas

Pixabay

A Concellaría de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo incrementou de novo os vales de alimentos, entre un 20% e un 25% segundo os casos, para intentar paliar a suba do prezo da luz, ao tempo que se convocaban, por segundo ano consecutivo, as axudas específicas de 200 euros nun pago único para familias usuarias do bono social ou que, por motivos de saúde, precisan dispoñer nos seus domicilios de aparatos con gran consumo eléctrico. A convocatoria resolverase en breve. 

“Debido ao incremento do IPC e da inflación, consideramos que é preciso contribuír a que as familias máis vulnerables poidan acceder a recursos básicos”, apunta a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e por iso dende o seu departamento veñen de incrementarse de novo os importes dos vales de alimentos para que as familias do noso concello poidan facer fronte ao encarecemento da cesta da compra.

Con esta finalidade, aplicarase un novo aumento do 20% ao 25% nos vales de alimentos que reciben as familias do concello, e que poden superar, en función do número de membros, da composición e das necesidades específicas de cada familia, os 300 euros ao mes.