O Concello de Malpica vén de adxudicar a obra “Mellora da capa de rodadura nos camiños do núcleo de Leduzo e Pozacas, na parroquia de Cerqueda” á empresa Construcciones J. Mauri e Hijos, S.L., cun orzamento total de 45.616,44 euros. Os traballos darán comezo xa de inmediato e teñen como obxectivo mellorar o estado dos camiños, reforzando a seguridade viaria e facilitando o tránsito tanto de vehículos como de peóns nesta zona do municipio.
O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, destacou a importancia desta actuación dentro do plan de mellora das infraestruturas rurais: “Seguimos a traballar para garantir uns camiños en boas condicións en todo o territorio, especialmente nas parroquias, onde son fundamentais para o día a día da veciñanza”. O rexedor subliñou tamén que “este tipo de intervencións permiten non só mellorar a mobilidade, senón tamén contribuír a fixar poboación no rural, ofrecendo servizos e infraestruturas axeitadas”.
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando no seu compromiso co mantemento e posta en valor da rede viaria municipal.