O Concello de Zas desenvolverá durante todo o mes de maio unha ampla programación cultural para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora e xornalista Begoña Caamaño. A iniciativa inclúe propostas para todos os públicos, con actividades literarias, musicais, teatrais, exposicións, animación á lectura e iniciativas educativas.
A programación arrancou a pasada fin de semana coa celebración da Feira das Letras na Praza Jorge Mira de Baio, organizada polo Concello de Zas e a Asociación BaiON. O evento contou cunha variada programación cultural e de lecer, con presentacións literarias, encontros con autores e autoras, música, cinema, maxia e actividades infantís.
Durante este mes tamén se está a desenvolver o XVI Concurso de Marcapáxinas, dirixido ao alumnado dos centros de ensino do municipio. Ademais, as Letras Galegas estarán presentes a través das exposicións culturais que poden visitarse actualmente nos centros socioculturais do municipio: ‘Cores da Alma’, de José Maynat, no CSC de Baio, e a mostra do ‘XIX Premio Internacional Luís Ksado de Creación Fotográfica’, no CSC de Zas.
A programación continuará esta semana con actividades de animación á lectura para o público infantil e familiar. O espectáculo de contacontos ‘Traballiños de verán’, de Trinke Trinke, celebrarase o luns 11 de maio ás 18:00 horas na Axencia de Lectura de Baio e o martes 12 de maio ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal de Zas.
A música e o teatro tamén terán un papel destacado nesta celebración. O martes 12 de maio a compañía Estatalá realizará funcións escolares de ‘O romance do gato’ no CPI de Zas e no CEIP Labarta Pose de Baio. Pola súa parte, Os Meninos do Pandeiro actuarán o venres 15 de maio para o alumnado do IES Maximino Romero.
O teatro pechará a programación especial do Día das Letras Galegas o domingo 17 de maio con dúas representacións: ‘Dous no camiño’, de Artefeito, ás 18:00 horas na Área Recreativa do Reirís, e ‘Sol Fuerza’, de aAntena, ás 20:00 horas no Auditorio de Baio.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou “a importancia de seguir promovendo iniciativas que axuden a fomentar o uso da lingua galega e a achegar a cultura á veciñanza de todas as idades”.
Muíño sinalou ademais que “o Día das Letras Galegas é unha oportunidade para reivindicar o talento e o legado das nosas creadoras e creadores, pero tamén para dinamizar culturalmente o municipio cunha programación variada e aberta a toda a cidadanía”.