O Concello de Zas convoca á veciñanza para abordar a situación do seu Centro de Saúde pola falta de persoal sanitario

2 minutes read

O Concello de Zas convoca á veciñanza a unha reunión informativa que se celebrará este venres, 13 de febreiro, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Zas, co obxectivo de analizar a situación actual do Centro de Saúde de Zas, que nos últimos meses vén sufrindo importantes dificultades derivadas da marcha dun dos médicos titulares e da ausencia de pediatra.

Esta falta de profesionais na zona de Zas está a ter un impacto directo na atención sanitaria que recibe a poboación, provocando un alongamento significativo dos prazos para obter cita médica, así como problemas recorrentes para cubrir as suplencias necesarias. Unha situación que está a xerar inquietude e malestar entre a veciñanza, especialmente entre os colectivos máis vulnerables.

Desde o goberno local liderado por Manuel Muíño considérase que a situación é preocupante e insostible no tempo, polo que se fai necesario abrir un espazo de diálogo coa cidadanía para informar con transparencia, recoller achegas e valorar conxuntamente as medidas que se deban adoptar para reclamar unha solución efectiva ás administracións competentes.

Neste sentido, Muíño asegura que “a sanidade pública é un servizo esencial e non podemos permitir que o noso Centro de Saúde siga perdendo recursos sen que se dean respostas claras”. Segundo explica o rexedor, “a marcha dun médico titular e a falta de pediatra están a sobrecargar o servizo existente e a obrigar á veciñanza a esperar máis do razoable para ser atendida”.

Muíño lembra que “non se trata dun problema puntual, senón dunha situación que se está a prolongar no tempo sen que as suplencias cheguen con regularidade”, e advirte de que “isto está a xerar unha sensación de abandono que desde o Concello non podemos aceptar”.

O alcalde subliña tamén que “é fundamental contar coa implicación da veciñanza, porque só desde a unión e a participación activa poderemos reclamar solucións firmes e duradeiras”, facendo así un chamamento á veciñanza para que asista á convocatoria deste venres.