O Concello de Zas presentou a súa nova páxina web municipal

2 minutes read

Tamén se acolleu a conferencia ‘A Intelixencia Artificial na vida das persoas’, a cargo dos profesores do IES Maximino Romero, Óscar Manuel Rey e Fina Paulos.

Trátase dun novo espazo dixital máis accesible, intuitivo, visual e cómodo para a navegación, pensado para mellorar a comunicación coa veciñanza e facilitar o acceso á información e aos servizos municipais, accesible a través do dominio concellodezas.gal.

A nova web recolle todos os contidos e servizos de interese para a cidadanía, con apartados específicos de Turismo, Novas e actualidade, Axenda de eventos, Sede Electrónica e Tablón de Anuncios, entre outros, ofrecendo unha estrutura clara e adaptada ás necesidades actuais.

O acto de presentación celebrouse nas Torres do Allo e contou coa intervención do alcalde de Zas, Manuel Muíño, da responsable da empresa Medialeva, Gema Lema, e do responsable de WP Nordés, Diego Alonso, empresas encargadas do desenvolvemento do proxecto.

Durante a súa intervención, o alcalde de Zas destacou que “a páxina web é a ventá máis segura e completa coa que un Concello se presenta ao mundo e por iso quixemos mellorala en seguridade e accesibilidade, facéndoa máis moderna e presentando os contidos tanto en galego coma en castelán e inglés”.

Unha xornada centrada no ámbito dixital

Ademais desta presentación, as Torres do Allo tamén acolleron a conferencia ‘A Intelixencia Artificial na vida das persoas’, a cargo dos profesores do IES Maximino Romero, Óscar Manuel Rey e Fina Paulos. Durante a súa intervención, os relatores ofreceron unha reflexión divulgativa sobre o impacto da intelixencia artificial no día a día da cidadanía, achegando esta tecnoloxía á realidade cotiá dunha maneira clara e accesible.

En paralelo, tamén se aproveitou esta xornada para avanzar varias novidades sobre a nova canle oficial de WhatsApp do Concello de Zas, unha ferramenta que substituirá ás actuais listas de difusión. Este novo sistema permitirá mellorar a comunicación coa veciñanza, facéndoa máis directa, áxil e ordenada, e facilitando o acceso á información municipal de interese.