O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo pon o broche final á súa campaña especial polo Día da Nai cun divertido xogo pensado para premiar a fidelidade da clientela e dinamizar o comercio local.
Tras varias semanas convidando á cidadanía a celebrar esta data apoiando o comercio de proximidade, a campaña culminará o venres 8 de maio, cunha proposta lúdica aberta a todos os públicos que terá lugar de 17.00 a 20.00 horas na Praza do Concello (zona xadrez). En caso de choiva ou climatoloxía adversa, a actividade trasladarase ao 2º andar do Mercado Municipal.
O corazón do CCA volverá saír á rúa cun xogo participativo e divertido, pensado para gozar en familia. As persoas que realizaron compras entre o 23 de abril e o 2 de maio nos establecementos adheridos poderán participar presentando o seu vale, grampado ao ticket de compra.
Cada participante contará con cinco oportunidades para estoupar tres globos, nun reto sinxelo e emocionante que porá a proba a súa habilidade e sorte. As persoas que consigan completar o desafío accederán a un sorteo final, que se realizará ao remate da xornada en directo a través do Instagram do CCA. Entre os premios haberá: entradas de cine para dúas persoas, 4 cheques de 50€ cada un para consumir na hostalaría local e 4 vales-compra tamén de 50€ para gastar nos comercios asociados ao CCA.
A iniciativa busca converter a tarde nun espazo de encontro, diversión e celebración arredor do Día da Nai, reforzando o vínculo coa clientela e poñendo en valor o comercio local.
0