O curso escolar 2025/26 comezará o 8 de setembro e rematará o 19 de xuño

1 minutes read

O vindeiro curso escolar 2025/2026 comezará o próximo 8 de setembro e rematará o 19 de xuño de 2026 para todas as etapas educativas, agás os segundos cursos dos ciclos formativos de grao Básico, Medio e Superior de FP, que rematarán o 15 de xuño, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, no caso das Ensinanzas de Réxime Especial, como xa se fixo no presente curso, tendo en conta as características e particularidades deste tipo de ensinanzas, poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas ata o 15 de setembro como moi tarde. Tamén cómpre subliñar que no caso de 2º curso de Bacharelato as clases rematarán de acordo coas datas previstas para a Proba de acceso á universidade, PAU. 

Os períodos de vacacións escolares irán do día 22 de decembro de 2025 ao 7 de xaneiro de 2026, ambos inclusive, no Nadal; os días 16, 17 e 18 de febreiro de 2026 para o Entroido, e desde o día 30 de marzo ao 6 de abril, ambos incluídos, para a Semana Santa. Ademais, serán días non lectivos o 31 de outubro (Día do ensino), o 3 de novembro e as festas laborais de ámbito estatal, autonómico e local.

A orde de calendario tamén recolle que, para o vindeiro curso, as probas de avaliación de diagnóstico fixadas polo Goberno do Estado a través da LOMLOE para 4º de Primaria terán lugar entre o 20 e o 24 de abril, e para 2º de ESO realizaranse entre o 13 e o 17 de abril.

Canto ao período de adaptación para o alumnado de 4º curso de Educación Infantil,  os centros poden optar por unha incorporación gradual que non se prolongará máis aló do 12 de setembro.