Fíxoo para reunirse co alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Ensino, Patricia Bello, e a directora do centro, Agripina Alfeirán, para coñecer de primeira man as necesidades que presenta o colexio de cara o curso escolar 2026-2027.
A xuntanza centrouse, principalmente, na situación do comedor escolar, un servizo clave para a conciliación das familias e que presenta necesidades de mellora relacionadas coa accesibilidade das instalacións e coa posibilidade de ampliar a súa capacidade para poder ofertar un maior número de prazas. Durante a visita abordáronse diferentes propostas coa fin de dar resposta a estas demandas, coincidindo todas as partes na importancia de avanzar cara solucións que melloren o servizo para adaptalo ás necesidades do alumnado e das súas familias. En todo caso, a opción máis óptima será determinada polos servizos técnicos da Consellería de Educación.
Ademais, tamén se trataron outras cuestións de interese sobre o novo curso relacionadas coas matrículas, o transporte escolar e a accesibilidade nos propios edificios do centro. O alcalde tamén aproveitou a ocasión para informarlle da actuación de mellora que está previsto acometer no pavillón polideportivo do colexio durante o próximo verán, neste caso con fondos municipais.
O Concello agradece a visita do director territorial, considerando esencial a colaboración institucional para dar resposta ás necesidades da comunidade educativa.