O Encaixe de Camariñas e os Ourives de Santiago de Compostela rubricaron a mutua colaboración de ambos colectivos identitarios coa sinatura dun convenio de cara a difusión da cultura, o turismo e a artesanía de ambas localidades, á vez que se pretende dinamizar a economía de ambos gremios e fomentar a investigación no que palilleiras, por unha banda, e acibecheiros e prateiros, por outra, sexan os piares nos que se sustente dito acordo.
A sinatura do convenio tivo lugar na capital de Galicia, no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela, entre a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e Arturo Ouro Hortas, presidente da Asociación de Artesáns e Comerciantes ‘Ourives de Compostela’, unha entidade sen ánimo de lucro que aúna os artesáns de prateiros e acibecheiros de Santiago de Compostela e conta con máis de mil douscentos anos de traxectoria na cidade. Houbo unha demostración de palillo en directo a cargo de integrantes das Asociacións Rendas e Puntillas.