O espírito do Nadal encheu a Casa da Cultura da Laracha co Concurso de Panxoliñas “María Angeriz Tuset”

2 minutes read

A unión de coros As Salseiras de Caión e Xuvenil Santa María de Torás proclamouse gañadora do primeiro premio do Concurso de Panxoliñas “María Angeriz Tuset” 2025, unha cita clásica da programación municipal de Nadal. Fíxoo coa panxoliña Tiempo de paz e cunha espectacular posta en escena ao acompañar a interpretación cun xogo de sombras.

A Casa da Cultura converteuse na tarde deste sábado no punto de encontro que reuniu a catro grupos participantes compostos por un total de preto de cen membros que actuaron ante o ateigado auditorio, no que se deron cita uns douscentos espectadores.

O xurado estivo formado pola técnica municipal de Cultura e Turismo, María Canedo, pola cantante larachesa Daniela Montes, Álex Rama da Asociación Cultural Adro de Vilaño, Mercedes Méndez da Asociación Cultural de Coiro e por Mateo Rey, membro do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (EPIA), unha composición que combinou experiencia artística, representación do tecido asociativo e unha mirada interxeracional moi acorde coa filosofía do concurso.

Trala deliberación o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Cultura, Patricia Bello, e os propios membros do xurado foron os encargados de anunciar a clasificación, que quedou do seguinte xeito:

1º premio: Unión de Coros As Salseiras de Caión e Xuvenil Santa María de Torás (600 euros).

2º premio: Asociación Cultural Arume de Caión (500 euros).

3º premio: Asociación Cultural Santa María de Torás (500 euros).

4º premio: Coro de Vilaño (500 euros).

Os premios económicos aos participantes inclúen os 200 euros garantidos polo feito de participar no concurso e, ademais, a contía da primeira categoría (400 euros) para os primeiros clasificados e da segunda categoría (300 euros) para os que remataron no segundo, terceiro e cuarto posto.

Máis aló da clasificación final, a gratificación económica dos participantes reafirma así o compromiso do Concello co apoio ás asociacións culturais e co labor que desenvolven ao longo de todo o ano na dinamización da vida social e cultural do municipio.

Mentres o xurado deliberaba, o público puido gozar dun espectáculo de circo e humor a cargo de Malabarian on the rox, que contribuíu a manter un ambiente festivo, familiar e participativo durante toda a tarde.