José Luis Rodríguez Zapatero foi citado polo Xulgado Central de Instrución número 4 da Audiencia Nacional como imputado por organización criminal, tráfico de influencias e falsidade na causa que investiga supostos cobros de comisións ilegais no rescate da compañía aérea Plus Ultra. Trátase da primeira vez en democracia que un expresidente de Goberno é imputado pola xustiza. Axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional rexistraban este martes o despacho do expresidente do Goberno e as sedes de tres empresas, entre elas, a das súas fillas,What The Fav S. L.
A imputación foi decidida polo xuíz José Luis Calama, que o pasado 3 de marzo asumiu a competencia sobre esta causa que investiga un posible delito de branqueo na aeroliña Plus Ultra. O xuíz da Audiencia Nacional considera o expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero presunto líder “dunha estrutura estable e xerarquizada de tráfico de influencias” cuxa finalidade “é a obtención de beneficios económicos mediante a intermediación e o exercicio de influencias ante instancias públicas en favor de terceiros, principalmente Plus Ultra”.
O PSOE pecha filas con Zapatero e o PP esixe explicacións
Mentres o Partido Popular reclamou explicacións urxentes ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tras coñecerse a imputación de Zapatero, a dirección do PSOE denunciou unha persecución xudicial contra o partido e defendeu a presunción de inocencia do expresidente.