O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo regresa do 23 de setembro ao 31 de outubro

13 minutes read

Para achegar a todos os públicos haberá un total de 43 espectáculos, con 8 estreas absolutas e 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas, ademais de máis dunha vintena de actividades paralelas.

Las gratitudes, con Gloria Múñoz; Libres!!!, de Esther Carrodeguas, dirixida por Andrés Lima e protagonizada por Alba Flores;  Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, da Premio Nacional de Literatura Dramática 2024 María Velasco; ou ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), de Chévere, son algúns dos pratos fortes desde nova entrega do FIOT, que chega baixo o lema “Colapso: Cando todo cae, ven ao teatro”.

No programa do #FIOT35 destacan tamén propostas como a Companhia do Chapitô e a súa particular Odisea; os sempre interesantes Titzina coa súa nova estrea Disección de la bondad en tres actos; Yo nací en un surco de judías, de almealera, Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo; a traxicomedia punk dirixida por Alberto Velasco Solo quería bailar; ou ¡Por fin me voy!, a despedida dos escenarios do fundador de Tricicle Carles Sans.

“Cando todo cae, ven ao teatro”. Baixo este lema, chega unha nova entrega do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que celebrará a súa 35ª edición do 23 de setembro ao 31 de outubro de 2026.

Na tarde deste venres, 4 de setembro, contra ás 19.30 horas, o FIOT presentou en rolda de prensa a programación escénica da nova edición do festival, nun acto celebrado no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, no que participaron a organización da cita, as institucións e entidades colaboradoras (Xuta de Galicia, Deputación da Coruña e Fundación Luís Calvo Sanz, entre outras), algunhas compañías e artistas programadas, os asociados e o público do festival. Durante a presentación, tivo lugar a representación do espectáculo Unha señora orquestra, de Torta Torta.

O programa e o leit motiv deste #FIOT35 vén marcado polo colapso. E no teatro como testemuña e nova posibilidade. Vivimos un tempo marcado pola vertixe e a incerteza. A crise económica e ambiental, os conflitos internacionais e persoais, o problema da vivenda ou a fraxilidade dunha sociedade cada vez máis líquida alimentan a percepción de que as estruturas que nos rodean están a perder o equilibrio. Colapso sintetiza este sentimento colectivo e dá nome a esta nova edición do FIOT, que pon o foco nos desafíos do presente e na maneira en que a creación artística se enfronta a eles.

Como apunta Alberto Sueiro, director do festival: “o FIOT propón unha lectura optimista do colapso: non como punto final, senón como movemento, transformación e oportunidade de reinvención. Nun momento de colapso, a escena pode salvar a nosa realidade. Caos, oportunidade, latido, arte, perspectiva, soño, ousadía… todos estes conceptos caben no noso programa. Podemos garantir que, quen asista ao FIOT, non quedará indiferente”.

Sueiro apunta tamén: “esta idea central de colapso como caída e oportunidade de reconstrución está presente, como non podía ser doutro modo, na identidade gráfica do festival, na que a propia palabra COLAPSO perde o equilibrio, se despraza e parece derrubarse ante os nosos ollos. Porque cando algo entra en desorde, tamén se abre a posibilidade de reformulalo doutro xeito. E aí aparece o teatro: o escenario é o lugar onde as estruturas poden desmantelarse e reconstruírse, onde o caos pode converterse en relato e aquilo que parecía definitivo pode cambiar de significado. Así, o colapso convértese no escenario dun novo comezo, dun gran reinicio”. E remata: “Este #FIOT35 é unha invitación a mirar ao presente, cuestionar o establecido e imaxinar outras posibilidades. Porque cando todo parece desmoronarse, sempre queda a posibilidade de cambiar de escenario”.

UNHA COIDADA SELECCIÓN CO MELLOR DA ESCENA ACTUAL EN CARBALLO

O FIOT reúne un ano máis o mellor da escena actual en Carballo ao longo de cinco semanas, do 23 de setembro ao 31 de outubro de 2026. Haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e Micro-escenas M2.

Deste xeito, no cartel da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo danse cita nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans (fundador de Tricicle), Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir.

En total, ‘o corazón do teatro en Galicia’ achegará a todos os públicos 43 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana,  Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares).

Á cita con esta nova entrega do FIOT non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións,  gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, un homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar a función, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono.

Os bonos e entradas para a 35ª edición do FIOT poderán adquirirse a partir do día 14 de setembro para abonados de Telón e Aparte e desde o 18 de setembro para o público xeral, coa excepción da Rúa dos Contos, cos billetes xa dispoñibles a partir do día 14.

O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.

UN REPASO Á PROGRAMACIÓN ESCÉNICA DO #FIOT35

O programa do FIOT 2026 reúne unha coidada selección de propostas que percorren diferentes linguaxes, formatos e miradas sobre o presente, cunha especial presenza de creación contemporánea, grandes nomes da escena, estreas absolutas e espectáculos que chegan por primeira vez a Galicia. O Programa de Sala abrirase o sábado, 3 de outubro, con Chévere e a súa última creación ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), unha peza de teatro documental coproducida polo Centro Dramático Nacional que parte do emblemático cadro de Castelao para reflexionar sobre a memoria persoal e colectiva, o esquecemento e a identidade, como non, co selo tan característico da prestixiosa compañía.

Pola súa banda, o venres, 9 de outubro, a querida troupe portuguesa Companhia do Chapitô regresa ao FIOT para levar ao escenario do Pazo da Cultura a súa particular revisión cómica da Odisea. Mentres, o sábado, 10 de outubro, chegaralle a súa quenda á estrea en Galicia de Las gratitudes, aclamada montaxe a partir do fenómeno literario de Delphine de Vigan, con Gloria Muñoz á fronte dun reparto dirixido por Juan Carlos Fisher.

O Programa de Sala de #FIOT35 continuará o sábado 17 de outubro con Libres!!!, un vitalista cabaré anarcosicalíptico de Esther Carrodeguas, protagonizado por Alba Flores e dirixido polo Premio Nacional de Teatro Andrés Lima, que recupera a memoria e a rebeldía das Mulleres Libres da Guerra do 36 para reivindicar a utopía e a capacidade de transformar o mundo.

O 23 de outubro, Mofa e Befa estrearán absolutamente A arte da guerra, coprodución do FIOT que converte o tratado de Sun Zi nunha sátira feroz e irreverente sobre o poder, o engano e os conflitos do noso tempo. O sábado 24 de outubro, a vangarda escénica aterra no FIOT con Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, de María Velasco, Premio Nacional de Literatura Dramática 2024. A celebrada peza, que poderá verse por primeira vez en Galicia, combina autoficción, ciencia ficción, música en directo, danza e creación audiovisual para falar do amor, os afectos e a necesidade de recuperar as utopías.

Xa na recta final do #FIOT35, o venres, 30 de outubro, a sempre interesante Titzina iniciará no FIOT a xira de Disección de la bondad en tres actos, unha farsa que, desde a investigación e o humor, explora os límites entre a verdade, a memoria, a identidade e a mentira. Finalmente, o sábado 31, Rafael Álvarez, El Brujo, pechará a programación coa estrea en Galicia de La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, un arriscado monólogo que mestura humor, palabra, improvisación, música en directo e reflexión da man do gran mestre das táboas.

Unha programación, en definitiva, que combina compañías e creadoras e creadores de referencia con propostas de marcada personalidade, novas linguaxes e unha mirada crítica e humanista sobre cuestións como a memoria, a identidade, o amor, a liberdade, o poder ou a condición humana.

O OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) volve ofrecer unha das apostas máis singulares e arriscadas do FIOT, cunha programación que reúne novas voces, linguaxes híbridas e propostas que exploran os límites da creación escénica. O xoves 1 de outubro, Carlota Mosquera e a súa compañía abrirán a sección con Ninguén tira fotos nos enterros, unha autoficción sobre a morte e a memoria desde a mirada dunha nena, que chega ao FIOT en formato grande despois de nacer no M2 de 2023, onde obtivo o premio á mellor interpretación.

O domingo 11 de outubro, Yo nací en un surco de judías, de almealera, Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo, achegará ao público as voces de agricultoras e gandeiras nunha peza de teatro documental que percorre 3.600 quilómetros para reflexionar sobre o mundo rural, o despoboamento, a memoria e o futuro da terra. Xa o xoves, 15 de outubro, o artista e investigador galego Álvaro Corral Cid presentará Asoballada por fentos, un work in progress desenvolvido no marco das Residencias Paraíso 2026 que, entre concerto e conferencia performativa, revisita a memoria folclórica galega e a instrumentalización das tradicións durante o franquismo.

O venres 16 de outubro, a compañía catalá PSiRC traerá en estrea en Galicia Cosas pequeñas, unha proposta multidisciplinar que combina circo contemporáneo, teatro de obxectos, microcine e poesía visual para preguntarse que nos fai humanos nun mundo dominado polas máquinas e os algoritmos. Pola súa banda, o domingo 18, tamén en estrea en Galicia, La Rueda Teatro Social presentará Doce metros cuadrados de piel, unha experiencia de creación interxeracional que reúne seis persoas de diferentes idades para falar, sen tabús e desde o humor, do corpo, o desexo, o pracer, a sexualidade e as formas de amar ao longo da vida, incorporando ademais participantes de Carballo nun proceso de mediación previo á función.

Finalmente, o domingo, 25 de outubro, o OTNI pechará a súa programación neste 2026 con Solo quería bailar, de Olalla Hernández, unha traxicomedia sevillana punk baseada na premiada novela de Greta García e dirixida por Alberto Velasco, que combina monólogo, humor e danza para retratar a precariedade, a burocracia e as estruturas de exclusión a través da historia dunha bailarina condenada a trinta anos de cárcere. Así, o OTNI consolídase un ano máis como o espazo do FIOT para descubrir creadoras e creadores, apoiar procesos de creación e achegar ao público propostas pouco convencionais que abordan cuestións como a memoria, o territorio, a identidade, a tecnoloxía, o corpo ou a exclusión social desde perspectivas críticas, poéticas e profundamente contemporáneas.

LIÑAS DE PROGRAMACIÓN PARA OS PÚBLICOS MÁIS DIVERSOS

O FIOT esténdese tamén pola cidade e polo territorio a través dunha ampla programación de proximidade. A Rúa dos Contos volverá converter bares, cafés e outros espazos cotiáns en escenarios para a palabra, o humor, a improvisación e a retranca, con propostas como ¡Por fin me voy!, a despedida escénica de Carles Sans, fundador de Tricicle, que celebra 45 anos de traxectoria; As ben dadas, de Atenea García, que recupera con humor as historias das disidencias sexuais en Galicia; A historia vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos, unha irreverente viaxe pola representación do corpo feminino ao longo da historia; Pequenos pero faltóns, de Adrián do Regenco e Pablo Alvite, sobre as contradicións da vida cotiá desde a nova retranca galega; e El Famoso Trino, que leva ao escenario a súa sátira viral das falsas noticias. A programación complétase con historias da memoria oral de Galicia da man de Carmen Conde, a poesía acústica con Lúa Mosquetera e o humor imprevisible de Josito Porto, ademais da improvisación de Fábrica de Impro e a sesión musical de DJ Maikel.

Pola súa banda, o Teatro de Rúa levará ás prazas e parques de Carballo catro propostas de circo contemporáneo: Fins al Cel, de Spinish Circo, unha gran peza acrobática sobre a confianza e a cooperación; 5.0, de Sue Moreno, unha reivindicación da madurez a través do circo, a danza, o flamenco e o humor; Tavole, de Zirko Txosko, que explora o equilibrio e o xogo desde o absurdo; e Domte, de Nacho Flores, unha proposta poética construída arredor do movemento e da manipulación de obxectos.

O FIOT en Ruta achegará o festival a outros espazos de Carballo con pezas como Vidas enterradas, un conmovedor exercicio de teatro documental sobre as vítimas da Guerra Civil e o franquismo, da man de catro míticas compañías da escena española, Teatro Corsario, xxxx, e Lubbert, de Inda Pereda, un universo surrealista inspirado en O xardín das delicias de El Bosco.

Para o público máis novo, FIOTeen e FIOTiño combinan creación contemporánea, humor, circo e música con propostas como Caballito de mar, un monólogo sobre a diversidade, os afectos e a liberdade de ser; A arte da guerra, de Mofa e Befa, unha sátira irreverente sobre o poder e os conflitos; e Oh! Onde deterse a mirar, de asSircópatas, unha viaxe familiar entre circo e música.

Finalmente, o Certame de Micro-Escenas M2, pioneiro en Galicia e na súa décima edición, reunirá seis creacións de pequeno formato —cinco estreas absolutas— en espazos singulares de Carballo, con propostas como wOHrk, de Iván Dávila, unha peza de clown e humor absurdo sobre a precariedade e as fronteiras entre vida e traballo; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana, unha divertida peza de teatro de obxectos contra os estereotipos de xénero e a discriminación das mulleres na sanidade; Fogar, de La Tercera, unha proposta de máscaras e teatro físico sobre os prexuízos e estereotipos do choque entre o rural e o urbano; A casa do avó, de Candil Teatro, unha historia familiar que reflexiona, a través dos obxectos, sobre a memoria e o consumo; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez, un solo de danza contemporánea que explora a liberdade, a identidade e a memoria galega; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas, unha comedia musical e tecnolóxica sobre a industria musical vista desde unha mirada extraterrestre. Sen dúbida, estas micro-escenas ofrecerán, un ano máis, unha experiencia inmersiva e próxima, que reafirma a aposta do FIOT pola experimentación, as artes vivas e a creación emerxente galega.