O goberno local da Laracha reafirma o seu rexeitamento á planta de biogás de Soandres

3 minutes read
  • Así o expresou o alcalde na multitudinaria reunión informativa coa veciñanza realizada este mércores, na que técnicos municipais explicaron a situación do proxecto.

A Casa da Cultura da Laracha acolleu este mércores unha reunión informativa sobre o proxecto de instalación dunha planta de biogás en Vista Alegre, na parroquia de Soandres, que contou cunha ampla participación veciñal. No encontro estiveron presentes o alcalde, José Manuel López Varela, para explicar a postura da Corporación, e persoal técnico municipal, que ofreceron unha explicación detallada da situación actual do expediente e das actuacións realizadas ata o momento.

López Varela aproveitou este foro para reiterar o rexeitamento frontal ao proxecto por parte do Goberno local, unha postura xa manifestada de maneira unánime por toda a Corporación municipal no Pleno ordinario celebrado no pasado mes de marzo. Neste sentido, o rexedor subliñou que o Concello mantén desde o primeiro momento unha posición firme e coherente en defensa dos intereses da veciñanza e do territorio.

Pola súa parte, os técnicos municipais explicaron a complexidade do proxecto e o estado actual da súa tramitación administrativa. Indicaron que o uso do solo rústico permite este tipo de instalacións tanto na Laracha como en calquera outro concello de Galicia. O proxecto atópase neste momento en fase de Avaliación Ambiental Integrada e de Avaliación de Impacto Ambiental, procedementos que son competencia da Xunta de Galicia. Así, a administración autonómica debe solicitar informes sectoriais a distintos organismos, entre eles Augas de Galicia, Patrimonio Cultural, Seguridade Aérea, Saúde Pública e Medio Rural, co obxectivo de analizar en profundidade as posibles afeccións da iniciativa. Desde o Concello agárdase que o proxecto non supere estes trámites atendendo aos impactos potenciais que presenta.

Un dos aspectos centrais abordados foi a decisión do Concello de presentar alegacións ao proxecto baseadas en tres cuestións que xeran especial preocupación no Goberno local. En primeiro lugar, a protección do patrimonio debido á existencia dunha mámoa catalogada no ámbito no que se pretende levantar a planta. En segundo lugar, o risco de posibles vertidos ao río Anllóns, principal curso fluvial do municipio e fonte de captación de auga de consumo para unha parte significativa dos fogares da Laracha. E, en terceiro lugar, os cheiros asociados á actividade, que poderían afectar de maneira notable á calidade de vida das persoas residentes na contorna. O Concello está aberto a incorporar nesas alegacións as achega de interese que desexe realizar calquera veciño ou colectivo.

Co obxectivo de facilitar a participación cidadá neste proceso, o Concello porá a disposición da veciñanza un modelo de alegación, que deberá ser presentado ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia. Estas alegacións poderán descargarse da páxina web municipal (alaracha.gal) ou recollerse impresas no Edificio Administrativo da Laracha ou no viveiro de empresas do parque empresarial. Tamén se ofrecerá a posibilidade de remitilas á Xunta de Galicia a través do Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR) do propio Concello.

O Goberno local reafirma o seu rexeitamento de plano ao proxecto da planta de biogás de Soandres, co compromiso de esgotar todas as vías administrativas e legais ao seu alcance para evitar que chegue a materializarse.